Salientou que o centro, do que é titular a Deputación, leva formando profesionais dende hai case sete décadas e que as empresas recorren ao seu alumnado porque “saben da calidade da formación neste instituto”
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou hoxe o IES Rosalía Mera como “unha referencia da formación profesional en Galicia”, un centro ao que recorren “moitas empresas desta provincia á hora de buscar aos técnicos máis cualificados”, porque “saben da calidade da formación neste instituto”.
Foi no acto de entrega de diplomas a 94 alumnas e alumnos que veñen de rematar a súa formación teórica e a partir de agora inician o período de prácticas co que van tomar contacto, por primeira vez, co mundo laboral.
Formoso, que na súa visita estivo acompañado pola deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, salientou “a excelencia no ensino” por parte dun centro do que é titular a Deputación e que durante as súas case sete décadas de vida proporcionou un futuro laboral ás mozas e aos mozos que se formaron nas súas aulas. “Estamos orgullosos da historia dun centro que permitiu estudar a varias xeracións, ás veces en tempos onde o acceso á formación era moi difícil”, dixo.
O IES Rosalía Mera ofrece 11 ciclos formativos cunha elevada inserción laboral. Entre eles atópanse especialidades como a electricidade, a mecánica, a carpintería, as artes gráficas ou o mantemento industrial. A clave do seu éxito é que “poñemos os mellores medios”, e que, por outra banda, “temos un gran cadro de profesores”, asegurou o presidente provincial antes de comprometerse a “seguir apoiando e promovendo a educación de calidade”.