O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse coa alcaldesa de Betanzos, María Barral, para analizar vías de colaboración entre ámbalas administracións co fin de crear novos equipamentos deportivos na cidade brigantina. En concreto, ambos estudaron un proxecto do Concello betanceiro para a zona do Carregal e a contorna do Pasatempo.
A intención do Concello é ampliar as instalacións existentes na zona co apoio económico da Deputación, de modo que se daría resposta a unha serie de demandas formuladas por diferentes colectivos do ámbito do deporte. Para elo, poríase en marcha un programa que se desenvolvería en varias anualidades.
Entre as actuacións que o presidente provincial e a rexedora trataron, atópanse a construción dun «pump track» (solicitado a través dos orzamentos participativos) instalacións de atletismo e unha pista de petanca. Ademais, prevese a renovación da área de skate. A eses proxectos uniríase o de dotar de cuberta unha das pistas polideportivas da cidade, pero tamén diversas actuacións nas instalacións deportivas da zona rural, algo para o que Formoso tamén mostrou o compromiso da Deputación.
O encontro serviu tamén para que Deputación e Concello analizasen outras vías de colaboración para o presente mandato, especialmente os relacionados con aspectos de carácter social.
Por outra banda, abordaron a formalización dun convenio para a construción dunha zona de ocio e tempo libre na Condesa e a creación de hortas urbanas en Bellavista, que permitirá a veciños e veciñas dispoñer de pequenas parcelas para o cultivo.
No que se refire a infrastruturas viarias, a Deputación abordará durante o mandato diversas melloras relacionadas coa seguridade, entre elas, nas estradas provinciais que unen Guísamo con Guiliade e Betanzos con Velouzás. Na primeira habilitarase unha senda peonil para evitar situacións de perigo, xa que se trata dunha zona moi frecuentada por viandantes. En canto á segunda, a Deputación ten intención de incluíla nos plans provinciais para acometer unha mellora do pavimento.