Este recipientes están pensados para familias que habiten unha vivenda unifamiliar e que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante
A Xunta adxudicou por algo máis de 210.000 euros a subministración, almacenaxe e distribución de 3.000 novos composteiros entre concellos, centros educativos e colectivos sociais. O obxectivo deste contrato é estender a autoxestión da materia orgánica a aqueles ámbitos nos que resulte viable ante os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.
Este contrato foi licitado pola empresa pública Sogama, que ata o momento xa repartiu de forma gratuíta máis de 21.600 composteiros -con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables- entre 462 entidades de toda Galicia como concellos (227), centros escolares (203) e outros colectivos sociais (32).
Esta nova partida enmárcase no obxectivo de ampliar o número de persoas e familias que se interesan pola compostaxe doméstica e que a poñan en práctica como unha forma eficiente de previr ou reducir a produción de residuos en orixe. Ao mesmo tempo permite valorizar a materia orgánica de forma eficaz mediante a súa conversión en compost, un abono de alta calidade con boas propiedades fertilizantes e de protección da natureza e do medio ambiente.
A entrega dos composteiros ás familias realizarase a través dos concellos e repartiranse entre os veciños que habiten unha vivenda unifamiliar que dispoña de terreo no que aplicar o compost resultante pechando desta forma o ciclo de recuperación da fracción orgánica, que representa arredor do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo.
Información adicional
Ademais dos composteiros, a Xunta tamén proporciona aos entes locais manuais didácticos de apoio nos que se explica de forma detallada a operativa a seguir polos usuarios dando resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns.
A maiores, os técnicos de Sogama imparten cursos de formación presenciais para complementar e reforzar os coñecementos dos participantes neste ámbito e para resolver todas as dúbidas que o proceso lles poida xerar. Os interesados tamén contan con información sobre a compostaxe na páxina web da empresa pública.