Logo dunha primeira parte irregular, os betanceiros non deron opción aos visitante
Visitaba o Carregal un CB Cambre en “racha”, segundo na clasificación e cuns números de récord nesta última fase da liga, e á ameaza visitante sumáronse os problemas de enfermaría do Ineltrón Santo Domingo Betanzos xa que ás coñecidas baixas no xogo interior de Pepe Moreno e Luis Portilla, uniuse a de Pablo Sanjurjo. Así as cousas, reforzada esa faceta do xogo coa convocatoria do pivote de Terceira, Quique López Sanjurjo, os de Betanzos confiaron o partido aos catro “veteranos” do equipo (Rozas, Will, Abelleira e Dani) auténticos artífices das mellores tardes no Carregal no seu paso por EBA, aos que se “enganchou” un acertado Brezo. Agás algunha pequena vantaxe visitante durante o curso dos dous primeiros períodos (nada que fixese pensar que o Santo estaba fóra do partido), os locais, sen ofrecer o seu mellor baloncesto, estiveron sempre por diante e acabaron o 2Q oito puntos arriba: 48-40. Malia o bo partido de Pablo Rabadán, máximo anotador do encontro, os rivais non conseguiron inquietar ao Santo Domingo Betanzos, que na segunda parte do partido logrou corrixir algunhas imprecisións dos cuartos iniciais e cimentar unha vantaxe que chegou a ser de 21 puntos a falta corenta segundos para o final do encontro, uns instantes finais que o Cambre xogou con intensidade para xogar co futuro average.
Sétima vitoria consecutiva da fase, décimo novena da temporada, e o Ineltrón Santo Domingo Betanzos chega como líder invicto ao “parón” pre-Semana Santa da Primeira División Nacional. Próximo partido o 6 de abril, dentro de 3 semanas, contra un dos firmes candidatos ao ascenso: o Porriño Baloncesto Base, equipo que na ida só perdeu por catro puntos cos de Doc.
Ficha Técnica:
Ineltrón Santo Domingo Betanzos 96: Will Pereiro 12, Abelleira 14, Dani Cayado 2, Jorge Cayado 2, Dani Martín 13, Cardalda 3, Latas 3, Rozas 22, Ernest 4, Brezo 20, Quique López Sanjurjo.
Club Baloncesto Cambre 80: Pablo Rabadán 23, Del Campo Ortiz, Cibrán Pérez 2, Ángel Pascual 9, Amir Valcárcel 10, Lucas Álvarez 12, Jorge García 3, Alberto Rodríguez, Sergio Yubero 15, Víctor Muñoz 6.