Arroxo buscará o acordo do Pleno do Concello de Lugo para reclamar á Xunta que dea uso ao antigo edificio de ASPNAIS na Rampa de Claudio López

por Redacción Lugo

O BNG presentou unha proposición ao vindeiro pleno municipal onde defenderá a posta en funcionamento deste edificio, rematando co abandono das instalacións

O Portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que defenderá no vindeiro pleno unha proposición para que a Xunta de Galiza poña en funcionamento o antigo edificio de ASPNAIS, ubicado na Rampa de Claudio López. Arroxo afirmou que «o estado deste edificio é un exemplo da relación da Xunta con Lugo, o abandono total tanto da cidade como destas instalacións que están chamadas a ter un importante peso na prestación de servizos sociosanitarios».


ASPNAIS trasladou a súa sede no ano 2020, deixando este edificio sen actividades. O edificio, titularidade da Xunta de Galiza, actualmente atópase baleiro, deteriorándose debido á ausencia de actividade. Nos últimos 4 anos, a Xunta anunciou varios proxectos para executar nestas instalacións, dende albergar unha residencia para a terceira idade ata a cesión a colectivos sociais. «Pasaron xa 4 anos e vemos como a Xunta só fixo anuncios, pero ningunha destas propostas se volveu realidade», aifrmou Arroxo, que engadiu «Lugo e a súa contorna teñen unha gran necesidade de servizos sociosanitarios públicos, e a Xunta ten abandonada unha instalación que podería acollelos».

O 17 de novembro de 2020, a Xunta anunciou unha unha cesión dese edificio a AFALU (Asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo) e ALUME (Asociación Lucense pola recuperación e a integración das persoas con trastornos mentais), onde se aseguraba que con esta cesión se crearía unha residencia asistencial e un centro de día para persoas con alzhéimer, ademais dun centro de rehabilitación psicosocial e laboral, unha unidade de atención temperá, outra para a atención de trastornos de personalidade e un obradoiro de xardinería. «4 anos despois vemos como aínda non se materializou esta cesión e as distintas asociacións non puideron poñer os seus proxectos en marcha», afirmou Rubén Arroxo

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario