O PP apoia a implantación dunha empresa que xera emprego como Altri e esixirá nos Concellos e na Deputación de Lugo un “posicionamento político de tódolos partidos”

por Redacción Lugo

Elena Candia, Pablo Taboada e Antonio Ameijide presentaron a iniciativa de apoio ao proxecto de Altri en Palas de Rei xunto a alcaldes e portavoces dos concellos limítrofes e deputados provinciais

O Partido Popular esixirá o posicionamento político de tódolos partidos sobre a creación de postos de traballo na zona do interior da provincia a través dunha iniciativa en apoio á implantación do proxecto empresarial de Altri para o asentamento da futura fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei garantindo o cumprimento de toda a normativa medioambiental, técnica e demais que sexa de aplicación.

A proposta que defenderán no vindeiro pleno da Deputación de Lugo e dos Concellos da comarca foi presentada en Palas de Rei pola presidenta provincial, Elena Candia, o alcalde do municipio, Pablo Taboada, o portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, acompañados por alcaldes e portavoces de concellos limítrofes e tamén deputados provinciais.

Candia explicou que “hoxe presentamos unha iniciativa coa que dar continuidade á proposta aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia para que o proxecto que Altri quere ubicar na comarca sexa unha realidade. Agardamos que nos Concellos e na Deputación se dea continuidade a esa unanimidade de forma que tódalas forzas políticas poidan manifestar de maneira clara a aposta por un proxecto de economía circular que será un revulsivo económico para a comarca e a provincia nun sector importante para a nosa economía como é o sector forestal”.

Con esta iniciativa os populares pretenden que os partidos aclaren publicamente se apostan ou non pola implantación na provincia iniciativas emprendedoras e de sostibilidade, pola creación de empresas e por dotar de oportunidades laborais aos lucenses que son imprescindibles para asentar poboación no rural.

Pablo Taboada explicou que “este proxecto supón un investimento duns 1.000 millóns de euros” e xerará de 4.000 empregos durante a súa construción e 2.500 postos de traballo unha vez estea en funcionamento. Ademais, a este proxecto engadiríanse outras iniciativas auxiliares que contribuirían a xerar máis actividade económica na zona impulsando o interior da provincia e favorecendo o asentamento de poboación na comarca. “Con esta iniciativa escoitaremos a tódalas forzas políticas sobre a maior inversión na provincia dos últimos anos que, garantindo o cumprimento das esixencias medioambientais, contará co noso apoio”.

Os populares cren que “unha iniciativa desta envergadura precisa o apoio de tódalas administracións”. Así, “a Xunta de Galicia xa o declarou proxecto estratéxico en decembro do 2022 e ten manifestado a súa vontade de ofrecer facilidades a este e outros proxectos empresariais que se queiran asentar en Galicia cumprindo estritamente coa lei” e esixen a mesma colaboración ao resto de administracións.

Concretamente, dende o PP esixiron ao Goberno central “certezas que garantan a  viabilidade do proxecto de Altri, tanto dende o punto de vista económico como de acceso á rede de transporte eléctrica”. O rexedor popular incide en que “a enerxía é básica para poñer en marcha este proxecto”.

Etiquetas , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario