Un ouro, unha prata e dous bronces na categoría sénior do Open de Bélxica

por Redacción Deportes

Galicia viaxou ao Open de Bélxica, que se disputou esta fin de semana en Lommel, cun nutrido grupo de deportistas tanto na categoría sénior como na júnior. E os resultados foron espectaculares! Na categoría sénior houbo un ouro (Sergio Troitiño), unha prata (Iván García) e dous bronces (Sara Cortegoso e Tania Castiñeira).

Sergio Troitiño (-87, Mat´s) segue imparable neste inicio de tempada e suma un novo ouro internacional, nesta ocasión no prestixioso Open de Bélxica. O galego disputou e gañou catro combates para lograr subir ao máis alto do podio. Na primeira rolda enfrontouse ao francés Nahil Mehnana, un rival que ten un estilo que non lle gusta moito a  Sergio, pero o galego foi moi práctico e rematou con contundencia en dous asaltos.

Posteriormente competiu co serbio Milos Golubovic, co que tivo máis problemas. Sergio venceu en tres asaltos e no último foi moi contundente para evitar sorpresas. Na semifinal o rival foi o cabeza de serie número 2 do torneo, Adrián Wojtkwiak (Polonia) ao que tamén superou en tres rounds, moi axustados todos eles, e que lle deron o pase á final. Aquí esperaba o cabeza de serie do torneo e número 1 mundial do peso, o croata Iván Sapina, pero Sergio loitou sen complexos e logrou a vitoria en dous asaltos duros e tensos (10/9 e 6/4).

Iván García (+87, Mat´s) logrou a medalla de prata neste Open de Bélxica. Iván comezou a súa competición ante o francés Agbogbe-Salanon e o galego venceu en dous cómodos asaltos, nos que aproveitou para ir probando cousas e saír da súa zona de confort. Nos cuartos, enfrontouse a Mikolaj Szaferski (Polonia). Volveu ser un combate sinxelo e de ensaios para o galego e precisamente por iso perdeu o segundo, dando unha emoción extra á loita. Pero no terceiro non deu a máis mínima opción ao seu rival e venceu de forma cómoda.

Na semifinal tiña que enfrontarse ao turco Atesli, pero non se presentou, polo que avanzou directo á final onde esperaba Caden Cunningham, co que se enfrontara hai uns meses no Open de Drácula. Foi un combate fermoso e tremendamente axustado, tal e como nos contou Iván. O primeiro asalto foi para Iván, no segundo venceu o británico e o terceiro estivo moi rifado e interesante, para finalmente caer a favor de Cunningham.

Pola súa banda, Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) acadou a medalla de bronce no Open de Bélxica. Sara arrincou a competición ante Magdalini Mytiliniou (Grecia) á que venceu en dous asaltos e con comodidade. En segunda rolda superou a Ida-elina Tammila (Finlandia) en tres rounds e mostrando unha magnífica actitude, para acadar unha fantástica victoria. Na semifinal, Sara Cortegoso enfrontouse a Elisa Bertagnin (Italia), nun combate no que a galega foi por diante en varios momentos pero finalmente caeu derrotada. Bertagnin logrou a medalla de ouro. Sara viaxaba co obxectivo de gañar para acadar os puntos necesarios para o ranking nacional e ter opcións de viaxar ao Europeo, e a pesar de que non logrou o ouro, está satisfeita coa medalla e a súa actuación.

Tania Castiñeira (+73, Hebe) acadou unha magnífica medalla de bronce, nun peso que contaba con 24 participantes, entre as que destacaban varias medallistas mundiais e clasificadas para os Xogos Olímpicos. Tania comezou a competición en oitavos de final ante a polaca Dagmara Haremza e a galega foi moi superior para impoñerse en dous asaltos.

Nos cuartos de final a rival foi a gran Bianca Cook, unha vella coñecida para Tania e un óso duro, aínda que a galega xa sabía o que era gañarlle. E, tras un combate fermoso e moi axustado, Castiñeira acadou a medalla de bronce, ao vencer 2-1.

Na semifinal Tania cruzouse coa alemá Lorena Brandl, unha das referentes do peso pesado. Tania mantivo o seu nivel e estivo a piques de vencer no primeiro asalto, pero perdeu por 1-0 por camchon. No segundo asalto, pese a intentalo ata o final, non logrou superar a Brandl, que finalmente se proclamou vencedora do peso.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario