O centro tecnolóxico de Arteixo acolleu hoxe o primeiro dos 5 obradoiros, no que participaron o alumnado de 6º de primaria do CEIP Arteixo
O Centro Tecnolóxico de Arteixo acolleu esta mañá o primeiro dos 5 obradoiros sobre o «Pasado, presente e futuro do fútbol feminino», organizados pola área de Igualdade da Deputación da Coruña en colaboración co Pastoriza SCD. A deputada Soledad Agra asistiu a esta primeira xornada, na que resaltou o exemplo do Pastoriza SCD na promoción do fútbol feminino entre a rapazada, e reflexionou sobre a súa importancia co alumnado de 6º de primaria do CEIP Arteixo.
O obradoiro comezou coa conferencia de Pablo Mariño, adestrador da UEFA B da SCD Pastoriza fútbol base feminino, que fixo un repaso pola historia do fútbol feminino da provincia, amosando o exemplo de xogadoras referentes como «Irene a Porteira» ou Fina López.
Posteriormente, a adestradora do Interrias Cristina Oreiro relatou a súa experiencia, dificultades e logros para chegar a adestrar un equipo de segunda división e poder adicarse ao fútbol profesional. Tras ela, o coordinador das escolas de fútbol base do SCD Pastoriza, Pablo Pérez, falou sobre a importancia do fútbol como transmisor de valores máis alá da consecución de metas e resultados, e como canalizador da igualdade real na sociedade.
Neste sentido, Soledad Agra resaltou o exemplo do Pastoriza, «que aposta polos equipos mixtos, cun modelo que se pode trasladar a toda a provincia», apuntou. «É importante facer ver, como o fai este clube, que o fútbol non é só unha competición deportiva, senon que tamén é un excelente medio para acadar unha sociedade máis igualitaria dende a base», sinalou. «Por iso debemos promover que os equipos mixtos se extendan a máis categorías, incluso das que propón a Federación, como o fai o Pastoriza SCD».