O grupo municipal socialista de Arteixo leva ao pleno de marzo unha moción para instar ao goberno local a mellorar o sistema de axudas para comedores escolares e para abonar con dilixencia as rexeitadas por falla de crédito.
Os socialistas denuncian que o sistema actual obriga ás familias a facer un adianto económico que en ocasións non poden afrontar e consideran necesario tamén estudar solucións para os excluídos do programa por falta de prazas nos comedores escolares.
A portavoz do grupo municipal socialista, Ana Cedeira, explica que despois de anos denunciando o mal sistema de xestión das becas para comedores escolares por parte do goberno do PP en Arteixo, constatan que na listaxe de persoas beneficiarias neste curso 2023-24 quedaron fóra das axudas 69 solicitantes “por non ter asignado crédito suficiente ou por non ter praza nos comedores escolares dos nosos centros educativos”.
A edil socialista argumenta que “nun concello con 70 millóns de euros de orzamento, asistimos a incapacidade absoluta dos nosos gobernantes” para xestionar as becas de comedores escolares, e “deixa fóra a case 60 familias por non ter habilitado crédito suficiente, cando teñen as solicitudes realizadas dende fai máis de 5 meses”.
Os socialistas sinalan que os usuarios e usuarias dos comedores escolares dos centros educativos do concello “levan anos alertando dun sistema de pago das axudas que funciona de xeito incorrecto” xa que algunhas familias esperan un ano polo pago que lles corresponde e outras renuncian aos comedores escolares pola incapacidade de asumir un adianto económico que non poden afrontar.
“Sabemos que houbo cambios no sistema de pago” sinala a portavoz socialista, Ana Cedeira, para que as propias ANPAS ou empresas concesionarias dos comedores asumisen ese adianto e logo cobrasen as axudas, pero engade que ese novo sistema tampouco está a garantir que as empresas ou ANPAS poidan asumir os adiantos e “observamos como aparecen familias que quedan fóra do sistema”.
“Non estamos a falar de familias en risco de exclusión social” explica a voceira socialista, “estamos a falar de familias con ingresos insuficientes para poder realizar o pago adiantado” e indica que a ANPA do San Xosé Obreiro de Meicende recibiu unha axuda de Caixabank para darlle cobertura no comedor a familias que quedaban excluídas co sistema actual.
Cedeira insiste que o concello de Arteixo, cun orzamento privilexiado, “non pode permitirse que ningunha familia deixe de mandar aos comedores escolares aos seus rapaces por falla de acceso ás axudas”, cando existen sistemas alternativos coma o das axudas da Xunta de Galicia para libros ou material, ou o do concello de Vigo, no que os beneficiarios reciben un vale ou cobro directo para non ter que abonar os gastos previamente.