Santiago acolle o 6 de abril unha nova edición da carreira “Os 10.000 peregrinos” da Deputación da Coruña

por Redacción Deportes

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, destaca o gran traballo que está realizando a Deputación para apoiar este deporte e aspira a xuntar máis de 2.000 participantes nesta segunda edición

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou onte oficialmente en Santiago a segunda edición dos 10.000 Peregrinos, unha proba que a entidade provincial organiza en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e o Concello de Santiago. Acompañaron a Formoso a segunda tenente de alcaldesa compostelá, Míriam Louzao, e o presidente da Federación, Iván Sanmartín, nun acto conducido polo xornalista Terio Carrera.

O presidente provincial destacou na súa intervención o «carácter aberto» da carreira, xa que poden participar dende atletas de elite ata afeccionados ou calquera persoa, sen importar a súa idade nin condición física, posto que conta con distancias de 10, 5 e 2 quilómetros, ademais dunha andaina de 5. Na primeira edición, o ano pasado, tomaron a saída deportistas do nivel de Irene  Sánchez-Escribano, Adrián Ben, Tariku Novales, Cristina Ruiz, Ester Navarrete, Daniel Arce ou Fernando Carro.

Formoso afirmou tamén que Os 10.000 Peregrinos «aspira a converterse nunha competición de referencia en Galicia e en España»  e servirá para «visualizar o esforzo» por parte da Deputación na promoción do deporte, que se incrementa cada ano financiando «a máis de 800 entidades deportivas da provincia en todas as disciplinas» e que implica tamén «ilusión e moito traballo detrás de cada evento para concretar esa aposta».

«Cando as administracións traballamos nesa liña, o resultado é que cada vez aparecen máis deportistas de alto nivel e que serven de ‘lebres’ para os que teñen ilusión de selo algún día», concluíu o presidente da Deputación.

Míriam Louzao referiuse especialmente aos valores que promove a proba, como é «o impulso á práctica do deporte en todos os segmentos de idade, de xeito inclusivo e participativo».

Iván Sanmartín asegurou que a carreira constitúe «unha magnífica oportunidade para que Galicia teña unha proba referente en España» e destacou a relevancia «do traballo que se está facendo dende a Deputación» para o atletismo galego con iniciativas como esta ou o Circuíto de Carreiras Populares, con 35 competicións cada ano noutros tantos concellos e unha participación que supera as 15.000 persoas cada ano.

A inscrición seguirá aberta ata o 3 de abril

Os 10.000 Peregrinos ten aberto o prazo de inscrición ata o 3 de abril. Xa a formalizaron máis de 700 persoas, a través da web www.os10.000peregrinos.gal ou de Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com, e o propio Sanmartín confiaba en que se superarán os 2.000 participantes.

A carreira naceu co dobre obxectivo de acadar relevancia no atletismo provincial e autonómico e, á vez, fomentar o deporte e os hábitos de vida saudables a través da participación da mocidade e das persoas maiores da provincia. Por iso, ofrece diferentes modalidades nas que teñen cabida moi distintos rangos de idade.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario