A nova furgoneta da Policía Local fará rutas periódicas dúas veces por semana, para axudar á poboación das aldeas nos seus trámites coa administración.
O Concello de Xinzo de Limia conta cun novo servizo público ó cidadán a través da Oficina Móbil de Atención á Cidadanía, unha proposta pioneira na provincia de Ourense.
Dende a incorporación o día 07 de marzo de dous novos vehículos para a Policía Local polo sistema de renting, comezouse un servizo innovador que tratará de acercarlle a administración local á poboación das aldeas. Algúns dos trámites que se están facendo dende a Oficina Móbil de Atención á Cidadanía, son o rexistro de solicitudes xerais do Concello ou empadroamentos, así como asesoramento no rexistro dos galiñeiros e temas variados nos que a Policía Local pode axudar ás persoas maiores.
A nova furgoneta que actúa coma Oficina Móbil de Atención á Cidadanía, fará ruta dúas veces á semana polos diferentes núcleos de poboación do Concello. Este vehículo serve tamén como apoio técnico na realización de atestados ou controis de tráfico.