As xornadas sobre patrimonio arqueolóxico do Museo de Lugo centraranse nas villae na Gallaecia 

por Redacción Lugo

Iria Castro presentou o programa das xornadas que darán a coñecer os establecementos agrícolas-señoriais na época romana o 5 e 6 de abril

As modificacións da  paisaxe agraria da Gallaecia serán o tema que centrarán as VII Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrarán os días 5 e 6 de abril Pazo de Marcos baixo o título “As villae na Gallaecia. Establecementos agrícolas-señoriais de época romana”.

A deputada de Cultura Iria Castro presentou xunto á directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro e o doutor en prehistoria Eduardo Ramil, ambos coordinadores desta edición, o programa e as actividades que se levarán a cabo destacando que, tras a conquista romana, a paisaxe agraria da Gallaecia sufriu importantes modificacións coa instalación dun novo sistema de explotación do territorio, dentro do cal as villae constitúen o seu elemento máis xenuíno.

As xornadas darán a coñecer estas instalacións adoitaban aglutinar edificacións dedicadas ao aproveitamento, transformación e almacenaxe de diferentes produtos así como para a área residencial. Na provincia de Lugo hai que destacar un gran número de establecementos que se determinaron como villae como as de O Campón(Burela), Area (Viveiro), Roupar (Xermade), Doncide (Pol), Coea (Castro de Rei), Agro de Parapar (Nadela), San Vicente de Castillón (Pantón), Vilar de Sarria (Sarria), A Grade (Chantada) ou Proendos (Sober).

Castro destacou a importancia desta cita que “edición tras edición permiten dar a coñecer o noso patrimonio público, ao que dende a Vicepresidencia da Deputación buscamos protexer e coidar para que a cidadanía e as xeracións futuras non esquezan o noso legado”.

O programa, que pode ser presencial ou en liña, está dirixido á comunidade científica pero tamén a todos os interesados no tema, estudantes, afeccionados, traballadores de museos, coleccionistas, docentes ou guías turísticos. A participación na xornada require inscrición previa a través do formulario dispoñible na web  www.redemuseisticaluga.org ata o día previo ao inicio das xornadas, o 4 de abril. Para obter o diploma acreditativo, será preciso asistir ao 75% das sesións.

Programa

Sábado, 5 de abril

9.30h Acreditación asistentes
9.45h Presentación oficial
10.00h Modelos de poboamento rural romano. Indicadores arqueolóxicos para o estudo das villae romanas de Asturias (Carmen Fernández Ochoa. Universidade Autónoma de Madrid)
11.00h As villae maritimae da Gallaecia: arquitectura e funcionalidade (Fermín Pérez Losada. Universidade de Vigo)
12.30h Aproximación aos espazos culinarios das villae da Gallaecia (Adolfo Fernández Fernández. Universidade de Vigo)
13.30h Produción e consumo alimenticio nas vilas romanas do noroeste ibérico: o rexistro
bioarqueolóxico (Carlos Fernández Rodríguez. Universidade de León)
14.30h Debate-coloquio

17.00h Implantación da arquitectura romana entre o Eo e o Sella. As vilas e os seus antecedentes en espazos castrexos (Carmen Fernández Ochoa, Universidade Autónoma de Madrid, e Ángel Villa Valdés, Museo Arqueolóxico de Asturias)
18.00h Mesa redonda: “Pasado, presente e futuro das villae galegas. Estratexias, oportunidades e desafíos” (Dolores Dopico, Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Alonso Toucido, Proendos, e Luís F. López González, A Grade)
19.00 h Visita técnica comentada á exposición: “As villae lucenses no MPL. Cultura material” Comisarios da mostra: Enrique Alcorta, Aurelia Balseiro e Mª Ofelia Carnero

Domingo, 6 de abril

10.00h As vilas romanas na Provincia de León. Actuacións arqueolóxicas e socialización (Eduardo Ramil Rego. Universidade de León)
11.00h Museo das Villas Romanas de Almenara de Adaja-Puras, un caso de xestión (Laura Martín Ramos. Museo de las Villas Romanas de Almenara de Adaja-Puras)
12:00h Debate-coloquio
13.15h Actividade práctica: “Aproximación ao coñecemento da cerámica romana” (Eduardo Ramil Rego, Universidade de León, coa colaboración do Departamento de Arqueoloxía do Museo Provincial de Lugo)
14.30h Clausura

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario