Os deputados populares defenderán no vindeiro pleno que o goberno de José Tomé dote a esta vía dos elementos necesarios para garantir a seguridade de todos os usuarios da vía, como sinalización que induza á redución da velocidade nun punto de alta intensidade de tráfico de vehículos e peóns
“Hai unha cousa que é innegable: o gran investimento de José Tomé dende a Deputación de Lugo por ter en boas condicións as estradas provinciais ao seu paso por Monforte, pero hai moitas eivas que se nega a solucionar a pesar das reiteradas peticións veciñais”. Así o explican os deputados provinciais do PP, Antonio Ameijide e Carmen José López, que mantiveron unha reunión con veciños da parroquia de Piñeira, xunto a voceira municipal popular, Katy Varela.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, sinala que as reclamacións dos veciños de Piñeira para mellorar a seguridade na estrada provincial LU-P-3201 “están máis que xustificadas”.
Nesta estrada comprobamos como non hai ningún tipo de beirarrúa, polo que os peóns teñen que camiñar pola calzada “sendo unha vía moi empregada xa que hai moitos rapaces que van e volven camiñando dun centro educativo próximo”.
Tamén hai unha parada do autobús urbano e non hai ningún paso de peóns para cruzar a vía con seguridade, como tampouco hai ningún elemento redutor da velocidade para os vehículos nesta vía “na que moitos condutores circulan a gran velocidade”.
Dende o Grupo Provincial Popular defenderase unha iniciativa no pleno para pedir ao goberno provincial que dote a esta vía dos elementos necesarios para garantir a seguridade de todos os usuarios. Do mesmo xeito, tamén o defenderán os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte.