O Concello da Laracha acondiciona a parcela xunto ao CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco

por 21 Noticias

Xunto a ese espazo está a ser creada unha pista polideportiva de uso libre.

23 de marzo de 2024. O Concello dispón dunha parcela duns 9.000 metros cadrados de superficie nun punto estratéxico de Paiosaco como é A Porta Santa, xunto ao CEIP Alfredo Brañas e moi próxima ao campo de fútbol e tamén ao centro sociocultural. Fora adquirida para incrementar os equipamentos municipais dispoñibles nesa vila.

Unha das actuacións principais está en execución desde hai semanas e consiste na construción dunha pista polideportiva de uso libre, que supón un investimento aproximado de 156.000 euros.

Coa finalidade de ofrecer á cidadanía unha nova área de esparexemento, o Concello iniciou nos últimos días os traballos de acondicionamento da parte restante da parcela. Os labores consisten na nivelación e limpeza do terreo, a deseucaliptización de todo o espazo e a poda e recuperación das árbores das especies autóctonas presentes, principalmente exemplares de carballo e castaño.

Estes traballos permitirán destacar o alto valor medioambiental dese espazo e favorecer o seu uso e desfrute pola cidadanía, xa que se permitirá o tránsito peonil que ata o de agora non era posible polo estado de conservación do ámbito.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro Pablo Cambón, realizaron unha visita á zona para supervisar os traballos que se están a executar.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario