Denuncian ante a Confederación Hidrográfica a situación na que se atopa a Pontella do Maiordomo en Taboi (Outeiro de Rei)

por Redacción Lugo

“Temos unha ponte con unha singularidade única na Terra Chá, con risco de perderse a curto prazo se a Confederación Hidrográfica non toma cartas no asunto” dixo a concelleira nacionalista Elvira Lombao

O BNG  de Outeiro de Rei denuncia, a través do Deputado no Congreso, Néstor Rego, o estado de abandono no que se atopa a Pontella do Maiordomo que cruza o río Miño na parroquia de Taboi.

Esta estrutura permite o acceso á Insua do Maiordomo e componse dunha ponte de dous tramos con trabes de carballo que pousan nun tallamar central e táboas encravadas. Trátase dunha construción singular e cunha tipoloxía única na comarca da Terra Cha de Lugo.

“Posúe grande relevancia dentro da cultura popular como elemento arquitectónico” afirmou a concelleira,  onde se observan coñecementos e materiais empregados durante séculos no rural da Galiza, como pola súa relación con un modo de vida tradicional baseado na gandería e agricultura e que até hai algúns anos posuía enorme incidencia.

 A construción presenta un estado de deterioro moi elevado. Esta situación empeorou nos últimos tempos de modo alarmante, a pesar de que  xunto dela discorre un roteiro deseñado polo Concello de Outeiro de Rei, que aproveita un camiño paralelo ao río Miño, mais isto non implica que o Concello poña en valor a  pontella nin trate de parar o seu deterioro.

“Tal situación apunta á súa desaparición definitiva a curto prazo o cal suporía unha perda significativa dentro do noso patrimonio cultural” explica Elvira Lombao.

“É preciso que desde a Confederación inicien os trámites e negociacións precisos para acometer as necesarias obras de restauración e posta en valor da Ponte á Ínsua do Maiordomo no Río Miño e impedir que continúe o seu deterioro “ esixiu Lombao.

“Que accións vai iniciar para acometer a rehabilitación e posta en valor desta ponte situada cerca do nacemento do río Miño? a posibilidade de asinar un convenio de colaboración co Concello de Outeiro de Rei para recuperar e pór en valor este elemento arquitectónico tradicional e singular?” Preguntase a nacionalista.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario