Os socialistas de Arteixo denuncian a perda dunha subvención da Deputación para a Escola de Barrañán “pola mala xestión do goberno municipal”

por Redacción A Coruña

O concello de Arteixo non acreditou a aprobación da solicitude da subvención nominativa da Deputación da Coruña de case 192.00 euros concedida para obras de reforma e ampliación

O grupo municipal socialista preguntará no pleno de marzo polos motivos da perda da subvención da Deputación da Coruña para as obras de reforma e ampliación da Escola de Barrañán.

Os socialistas explican que no ano 2018 se aprobou unha subvención da Deputación de preto de 192.000 euros (un 80% do total dun orzamento de case 240.000 euros) para as obras de reforma e ampliación da Escola de Barrañán que actualmente funciona como centro social.

O prazo para a finalización da obra e xustificación da subvención era o 31 de agosto de 2019, “un prazo que foi prorrogado ata o 30 de abril de 2020 sen que o concello de Arteixo dese xustificado a subvención e polo tanto non a cobrou” sinala a voceira socialista, Ana Cedeira.

“Segundo os datos que temos, a fiscalización do pago foi desfavorable porque o concello de Arteixo non acreditou a aprobación da solicitude da subvención nominativa” engade Cedeira, e o informe da interventora municipal “ten un reparo que non se achegou ao expediente de resolución no que se levanta dito reparo”.

Os socialistas pedirán ao goberno local que explique por que non acreditou a aprobación da solicitude da subvención nominativa da Deputación Provincial, e por que non solventaron ese erro posteriormente. Ademáis solicitan tamén a aclaración do  motivo do reparo da intervención municipal a esa obra  e por que non se achegou á Deputación a resolución pola que se levanta ese reparo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario