O proxecto colaborativo obaixoulla.gal, impulsado pola Asociación Cultural Os Penoucos de Valga, vén de engadir á parroquia de San Xens de Bamio á web. A partir da recolla dos elementos que fixeron desde a Asociación Mulleres Rurais de Bamio, no marco do Proxecto Louceiros de Bamio, os elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos desta parroquia de Vilagarcía de Arousa xa se poden consultar na web.
Un total de 77 elementos de arqueoloxía, arquitectura civil, arquitectura da auga, patrimonio industrial, arquitectura relixiosa, elementos relixiosos, espazos naturais, hórreos, obra civil e panorámicas, pertencentes a Bamio, engádense aos case 4.000 cos que conta a web, repartidos entre Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga.
obaixoulla.gal pretende recoller nun mapa a totalidade do patrimonio cultural, natural e paisaxístico do territorio polo que discorre o río Ulla no seu treito baixo, antes de deixar de ser río e converterse en ría. Queremos construír un relato territorial baixo unha metodoloxía participativa. Deste xeito, todas e todos podemos incorporar os diferentes elementos a este mapa e así comprender, reflexionar e sinalar aspectos da nosa realidade cotián, histórica e colectiva. Ademais de poñer en valor o patrimonio, facemos eco das relacións emocionais co espazo e dos diferentes significados que o territorio e a paisaxe poidan ter para os seus habitantes.
Por outra banda, ao poder recoller os elementos tanxibles —e en certa medida intanxibles— do patrimonio nun mapa, contribuímos a poñer ao alcance todas e todos o patrimonio; sen dúbida é unha forma de coñecer, saber, difundir e socializar co noso territorio. Así, este proxecto está aberto á colaboración de entidades e persoas do Baixo Ulla. Calquera que o desexe pode enviar a súa aportación, sexan comentarios, suxestións, textos, fotos… usando o formulario de contacto desta páxina web. Ti tamén podes facer parte do proxecto e así, entre todas e todos darémoslle unha perspectiva máis funcional e social ao patrimonio que nos rodea!
obaixoulla.gal é un proxecto libre. A súa base tecnolóxica e os seus compoñentes (mapas, imaxes, documentos, xestor de contidos…) están publicados baixo licenzas libres e os datos son abertos (descargables). Este proxecto está realizado sen ningún tipo de subvención oficial, soamente conta co traballo voluntario e desinteresado de persoas que creen no territorio no que viven.