Os concelleiros xa teñen denunciado a falta de atención do bipartito a instalacións de titularidade municipal
Os concelleiros do PP de Vilalba piden ao goberno bipartito a limpeza da parcela do CEIP Castelao de Belesar na maior brevidade posible e as reparacións necesarias para o mantemento básico do edificio.
Os populares veñen denunciando o abandono e falta da atención dalgunhas instalacións de titularidade municipal por parte do goberno bipartito e nesta ocasión avanzan que esixirán estas actuacións no pleno “por razóns de salubridade pública ante o estado da parcela” e “para evitar o deterioro do inmoble”. Entre outras deficiencias, nomean “a caía de lousas que ocasiona goteiras e, se non se soluciona o problema agora, co paso do tempo o custe do arranxo será moito maior e o deterioro máis grave”.
Os concelleiros explican que “o anterior goberno do PP levaba a cabo tódolos anos a limpeza da zona ata o ano 2019, pero despois deixouse de atender e agora está cuberto de maleza” polo que “ocasiona prexuízos aos veciños e resulta perigoso en épocas de alto risco de incendio”.
“Á vista de que o Concello aprobou recentemente a modificación do réxime sancionador para os propietarios de parcelas que non realicen a limpeza das mesmas, cremos que debe ser o primeiro que debe dar exemplo. Non é razoable, que o goberno municipal leve anos sen limpar este colexio”, conclúen.