As familias poden solicitar praza nas súas escolas infantís ata o vindeiro día 5 de abril

por Redacción Galicia

Ofértanse 10.500 prazas de 0 a 3 anos nos centros de titularidade autonómica para o curso 2024-2025, que comezará o 6 de setembro

A Xunta de Galicia mantén aberto o prazo ata o 5 de abril para solicitar praza nas súas escolas infantís de cara ao vindeiro curso 2024-2025. Ofértanse arredor de 10.500 prazas de 0 a 3 anos distribuídas entre os centros da Axencia Galega de Servizos Sociais (Agass) e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O novo curso comezará o vindeiro día 6 de setembro.

As solicitudes poderán remitirse de xeito electrónico a través da sede da Xunta de Galicia ou acudindo de xeito presencial a calquera dos rexistros oficiais. Este ano, como novidade, as familias cuxos proxenitores traballen terán máis puntuación á hora de acceder ás escolas. Desta forma, terán máis facilidades para atender ás súas necesidades de conciliación.

O vindeiro curso será o terceiro no que a atención educativa será 100% gratuíta para todos os nenos e en todas as escolas infantís da comunidade, con independencia da súa titularidade. O Goberno galego inviste 60 millóns de euros este ano na gratuidade, da que se poden beneficiar unhas 32.000 familias e para as que esta medida supón un aforro medio de 3.000 euros por curso.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario