Luis Álvarez advírtelle a Rueda no inicio de curso político que Galicia “empeora a pasos axigantados”

por Redacción Galicia

O portavoz do Grupo Socialista aféalle ao presidente da Xunta que se limite a “continuar coas políticas” de Feijóo

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, advertiu hoxe que Galicia “empeora a pasos axigantados” cunha xestión de Alfonso Rueda limitada a “darlle continuidade” ás políticas de Feijóo. O responsable socialista sinalou ao debate do Estado da Autonomía e os Orzamentos para 2024 como principais fitos do novo curso político, o último da actual Lexislatura.

O responsable socialista resumiu que “as cousas non pintan ben para Alfonso Rueda”, adiantando un balance negativo da xestión do presidente da Xunta que quedará reflectido, dixo, no debate do Estado da Autonomía que se debera celebrar neste trimestre, e que será o primeiro e último para Rueda nesta Lexislatura.

Anunciou que os socialistas presentarán ademais unha proposta económica alternativa no debate de Orzamentos que resolva as falla de orientación do actual goberno. Alertou fronte ás “pinceladas” apuntadas por Rueda en forma de rebaixas fiscais para os máis ricos a costa de reducir a capacidade económica da Xunta e de continuar no deterioro dos servizos públicos e as políticas sociais responsabilidade do goberno galego.

Luis Álvarez adiantou que o Grupo Socialista comezará o curso político reclamándolle á Xunta que asuma “responsabilidades políticas” logo de se detectar a contaminación provocada polos vertidos da mina de San Finx, en Lousame, que viña de ser autorizada polo goberno galego. O responsable socialista denunciou a falla de supervisión do goberno galego, que autorizou un vertido de 900.000 metros cúbicos de augas contaminadas sobre a ría de Muros e Noia.

As últimas análises revelan uns niveis de cadmio 78 veces por enriba do permitido, o que suscitou unha sanción de 300.000 euros por parte do goberno galego, que palidece, dixo, diante dos “millóns de euros de dano sobre a actividade pesqueira e marisqueira e sobre a actividade turística” sobre a ría de Muros e Noia. Advertiu que “non nos tranquilizan” nin a sanción nin o anuncio ameazando coa revocación da autorización da actividade na mina.

O responsable socialista lembra que o Grupo Parlamentario leva anos alertando fronte á situación da mina, que entre os anos 2015 e 2017 provocaron descargas de vertidos cuns niveis de cadmio 158 veces superiores ao permitido, de cobre 70 veces e de zinc 17 veces máis, o que non impediu que asinaran a autorización para a empresa responsable.

Educación

Luis Álvarez aproveitou o inminente inicio de curso escolar para reclamarlle ao presidente da Xunta que recupere o modelo de gratuidade de libros de texto que fora implantado polo goberno do socialista Pérez Touriño, e replicado na maioría das comunidades autónomas. Sen embargo, en Galicia foi revocado logo da chegada do PP e de Feijóo á Xunta para mudalo por un modelo máis caro e que apenas da cobertura a “un ambiguo 60 por cento”.

Dixo que o PSdeG “defendeu, defende e defenderá” este modelo de gratuidade universal “equitativo e máis solvente economicamente, por moito que a Xunta se empeñe en dicir que non”. Reclamou a convocatoria da mesa sectorial de Educación e abrir un diálogo sobre o funcionamento dos centros educativos cada curso ao que se veñen negando sistematicamente, mentres abren menos unidades educativas con menos mestres cada ano, prexudicando sinaladamente ao rural.

O portavoz do Grupo Socialista comezou a súa intervención de hoxe trasladando o pesar dos socialistas galegos polo falecemento da copiloto galega de rallyes Bárbara Gómez. Tamén trasladou os seus parabéns ao novo portavoz do Grupo do PP, a quen emprazou a que prime a “cordialidade política e o respecto institucionais” e sinalou que “agardo que estea á altura do seu predecesor”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario