Sete anos sen Paco de Souto

por Óscar de Souto

Foi por estas datas no ano 2017 cando o mar de Malpica de Bergantiños, nunha rocha chamada “A Percebeira” levou a un percebeiro bergantiñán, escritor de moitos poemas.

Aquel carisma nas súas loitas, como aquela que librou para frear a mina de ouro e cianuro en Corcoesto, Cabana de Bergantiños, e outras mil guerras máis, pero non lle puido ganar a ese mar que tanto amou e admirou. Un mar que foi clave na súa obra poética, un mar que el sabía temer e amar. Amar a mar, e un mar do que Paco era o portador da bandeira das nosas queixas, cada vez que os intereses espurios querían facer o mal. Hoxe, o seu poema vai aquí publicado como sétima homenaxe de réquiem por un “Samurai das Letras Galegas”. O réquiem por un percebeiro, por un poeta e por un loitador.

A Percebeira é unha illa
A illa ten nome de peixe esquivo
E os homes van
A lanchiña que os leva é de pau de laranxo
A lúa é unha laranxa apodrecida
A lúa debuxa cadaleitos nas furnas
De entre os mortos nascen percebes
Os ollos vagos non ven
Son as mans acoiteladas as que cachean os tetos
A rapa áxil
E logo a lonxa
E a viaxe á Coruña ou Madrid
E o prato na mesa
E o sal na boca
Ese sabor a sal na boca
Coma se a morte viñese cada nove ondas
Paco Souto (12 de outubro de 1962 – 30 de marzo de 2017)

O día que as augas do Océano arrebataron o corpo de Paco de Souto, na «Percebeira», casualmente, fun ata Malpica a ver o mar. Aí estou éo mirando as Sisargas, no peirao de Barizo. Casualidades da vida.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario