O fenómeno adverso estará activo a partir da madrugada con ventos que poden acadar forza 8 e ondas de ata 5 metros na costa noroeste da provincia
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a madrugada de mañá na costa noroeste coruñesa. Haberá vento do suroeste forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata 5 metros.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.