O Teatro Colón da Coruña acolle o II Congreso de Contratación Pública, organizado pola área de Contratación da Deputación da Coruña, que reúne durante as xornadas de hoxe e mañá a algúns dos principais expertos na materia de todo o territorio nacional.
Con preto de 400 persoas acreditadas e máis de 30 poñentes de recoñecido prestixio no mundo académico e da administración pública, o congreso foi inaugurado esta mañá polo presidente, Valentín González Formoso, o deputado de Contratación, Xosé Penas, e o xefe do servizo de Patrimonio e Contratación da institución provincial, Luís Jaime Rodríguez.
Formoso destacou a importancia da contratación pública «un campo crucial para o desenvolvemento económico» e «unha palanca de cambio social do noso país».
Neste sentido, destacou as 183.277 licitacións que se efectuaron en España en 2022, un 13% máis que o ano anterior segundo o último informe de OIRescON, por importe total de 100.692 millóns de euros, dos que a maior parte (40.600 millóns) corresponde ao sector público autonómico, seguido do local (33.380 millóns) e o estatal (26.636 millóns).
Pero ademáis do apartado económico, Formoso incidiu na vertente social, destacando que a contratación pública «é un instrumento útil para impulsar cambios positivos» na sociedade. «Na Deputación fixemos numerosos avances neste sentido nos últimos anos, coa inclusión de claúsulas sociais ou de igualdade, que non só buscan garantir condicións laborais xustas, senón tamén fomentar a integración laboral de colectivos en risco de exclusión e promover a participación equitativa de homes en mulleres no ámbito laboral», afirmou o presidente, que destacou que entre os retos do goberno provincial está introducir tamén «claúsulas de reto demográfico», co obxecto de primar a prestación de determinados servizos públicos desde o rural.
Formoso puxo como exemplo o pioneiro centro de NEXT Deputación, ubicado no pequeno concello de A Capela (1.300 habitantes), desde o que a institución provincial presta apoio técnico aos 93 concellos da provincia na captación, xestión e tramitación de proxectos financiados con fondos Next Generation, «unha experiencia que podería trasladarse a outros servizos de ámbito provincial», afirmou.
Formoso subliñou o «potencial transformador» da contratación pública cando se utiliza de forma estratéxica e responsable e citou tamén como un dos retos reducir as cargas burocráticas e axilizar os procesos de contratación pública.
A conferencia inaugural do Congreso correu a cargo do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza e codirector do Observatorio de Contratación Pública, José María Gimeno Feliú, cunha ponencia titulada «Contratación pública y buena administración: Un cambio de paradigma».
Durante a xornada de hoxe abordaranse cuestións como a igualdade de xénero e a contratación pública, os tribunais de contratación autónomicos e locais, os contratos financiados con fondos Next Generation ou as medidas de loita contra a corrupción na contratación pública.