Hoxe Galiza enteira debe mirar cara á Ulloa. Por Xosé Edrosa Leal 

por Xosé Edrosa Leal

Presidente do Ateneo Galeguista-Terra Cha

Cando un proxecto xenera un impacto social da magnitude do de ALTRI  na Ulloa, algo importante está sucedendo, pois resulta imposible que poda haber tantos malvados e malvadas que a todo din que non, tal como temerariamente tén afirmado o señor Rueda, faltando ao respecto a todos/as os afectados polo proxecto da pasteira, precisamente no trámite de exposición pública no que a Administración debe adoptar todas as cautelas e garantías para que a cidadanía poda informarse e alegar libremente e sen coaccións o que considere pertinente na defensa dos seus dereitos e intereses, públicos ou privados, que considere afectados. Criminalizar ou deostar dende o poder aos afectados/as como se está a facer, son actos impropios nun  Estado social, democrático e de Dereito coma o noso, prerrogativa reservada aos estados totalitarios.

 Cando a motivación que suscita tales impactos tén a súa orixe principal a defensa do medio ambiente e, polo tanto, no interese xeral como resulta no presente caso, existe unha razón constitucional que protexe, ampara e lexitimiza a acción da cidadanía, a que debe ser respectada e tida en conta por se procedera tomar a decisión que corresponda na defensa de tal obxectivo. Levantar unha campaña, como se está a facer dende a Administración Local do concello de Palas e do goberno da Xunta, utilizando a cotío relevantes autoridades e cargos institucionais, con manifestacións contrarias ás persoas que  manifestan libre e lexitimamente a súa oposición a este proxecto, acusándoas de estar manipuladas por unha determinada forza política, feito que vicia e quebra o principio de obxectividade, respecto e transparencia con que deben servir as   Administracións públicas os intereses xerais. Der ser certas tales manifestacións no senso de que todas as persoas que dun xeito ou doutro nos opoñemos a este proxecto estamos manipuladas e que operamos en clave de intereses políticos, entón o partido que sustenta ditos gobernos, tén un grave problema.

 Por enriba e dada a magnitude deste  proxecto e a súa complexidade, declarado pola Xunta de Galicia como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), feito que conleva  un conxunto de prerrogativas de dereitos que afectan ao interese xeral, entre eles o dereito de información e participación cidadá, colocando dun xeito arbitrario nun estado de indefensión e inseguridade xurídica a todos os cidadáns  á hora de exercitar os seus dereitos, unha clara transgresión do dereito de igualdade establecido no artigo 14 da CE. Unha norma, pois, arbitraria implementada polo lexislador galego que merece o máis enérxico reproche da cidadanía.

 Este tipo de proxectos de gran escala, incidencia territorial e medioambiental convertidos nunha sorte de illa con patente para a impunidade e discrecionalidade dos propios órganos substantivos operando á medida dos seus intereses, todo elo á marxe dos controis  de xestión e fiscalización democrática, incluso soslaiando ás propias institucións urbanísticas, prevalecendo as determinacións técnicas e espaciais  do proxecto sobre as do planeamento.

 Malia ao expresado nos parágrafos precedentes, cómpre aclarar que dita norma, en ningún caso, pode delimitar dereitos amparados noutras leis de maior rango normativo (exemplo, lexislación medioambiental), unha fronteira, a todas luces, traspasada pola devandita norma.    

 Dito o cal e tendo en conta a  incidencia do proxecto de Altri ao medio ambiente e, polo tanto, ao interese xeral do conxunto da cidadanía, cómpre lembrar o que a tal efecto di o artigo 45.2 da Constitución Española “Os poderes públicos velarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e resturar o medio ambiente, apoiándose na indispensable solidaridade colectiva”. Pois ben, resulta evidente que os poderes públicos no que atinxe á Administración Local de Palas e á Autonómica, no caso deste proxecto non están a velar pola utilización racional dos recursos naturais como é a auga, un recurso natural limitado, imprescindible para a vida e os ecosistemas; e, moito menos, protexendo e mellorando a calidade de vida e defender e mellorar o medio ambiente. Logo o que fan coa indispensable solidaridade colectiva, xa o estamos a ver.

 Curiosamente, o pasado 21 de marzo, o señor Rueda clausuraba en Santiago un foro sobre o cambio climático no que participaban distintos expertos, entre os que figuraban o naturalista Joaquín Araujo e o divulgador científico Manuel Toharia, os que fixeron unha exhaustiva análise da situación e retos de futuro. Manuel Toharia, entre outras cousas, dixo “…Todo ha cambiado en apenas un siglo; vivimos del agua que bebemos, de la comida que comemos y de la energía que nos ha permitido cambiar sustancialmente el mundo en el que vivimos; tenemos más calidad y más cantidad de vida. Pero el impacto de la población sobre el entorno se ha traducido en unos impactos negativos y una agresión a la naturaleza que nos rodea y de la que vivimos”. Despois da visión realista e pesimista descrita polos expertos, chegou a hora do señor presidente da Xunta e dixo “… aún estamos a tiempo de hacer cosas valientes aplicando sentidiño”, e segueu dicindo que “… no tiene sentido hacer cosas muy radicales”. Como podemos comprobar a expresión segunda xa rebaixa a primeira. E rematou dicindo que a Xunta continuará “ concienciando, porque éste es un camino irrenunciable”. Menos mal… Mais os veciños da Ulloa de estar presentes no acto, seguro que lle dirían: aplíquese o conto con Altri, señor presidente.

 Cinguíndonos ao proxecto que Altri tén proxectado para instalar en Palas de Rei e que a Xunta o tén declarado de interese estratéxico, é un claro despropósito e un atentado ao concepto de desenrolo sostible, un paradigma irrenunciable neste tempo de transición, polos seus previsibles e graves efectos sobre o medio ambiente, con incalculables afeccións e impactos sobre o territorio, o aire, os recursos hídricos e o cíclo da auga na súa conxunción de factores que o integran; a poboación que vive,  traballa e exerce a súa actividade na contorna;  incidencia que tamén afectará ao aforo itinerante de visitantes que se trasladan polo Camiño de Santiago, unha mala carta de presentación. Un proxecto que de levarse a termo provocaría unha fonda depresión en toda a comarca, con efectos na saúde e calidade de vida dos seus moradores. Unha iniciativa calculada que, en definitiva, unha vez máis, retrata a insolvencia do goberno local e da Xunta de Galicia, da mesma cor política, instalados no “ todo vale “; o importante é crear falsas expectativas sen reparar no prezo  ( que por certo pagamos todos) para tapar a súa incompetencia e fracaso nas políticas dos sectores endóxenos, referentes da nosa economía produtiva, mergullada nunha endémica crise. É, ademais, unha descarada especulación con proxectos atentatorios contra o noso ecosistema que outros territorios rexeitan; o recurso fácil que pon igualmente de manifesto a febleza das expectativas nas que está instalado o goberno do PP de Galiza, sen unha orientación clara de cales son as súas prioridades de futuro. Será a cidadanía e as institucións europeas as que poñan freo a tanta desmesura.

 As declaracións, de parte, do director do proxecto GAMA DE ALTRI don Bruno Dapena Alonso ao xornal El Progreso do pasado 15 de marzo, sen pretendelo nin facer mención, pon de manifesto a magnitude dos  efectos negativos deste proxecto no tocante aos previsibles impactos, incidencias e afeccións sobre o medio afectado pola área de explotación e outras que se trasladarán a través da auga e do aire espallando a súa contaminación a outros territorios e poboacións, incluso a zonas mariñas como pode ser a  Illa de Arousa. O organismo de conca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, terá moito que dicir neste asunto, claramente incompatible cos obxectivos establecidos na súa propia lexislación, concretamente na Lei 9/2010, de 4 de novembro, de Augas de Galiza; no Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e nas súas propias directrices a desenrolar no terceiro ciclo (2022-2027). Non é este o lugar para afondar nas cuestións pormenorizadas de tales obxectivos, obxecto que afecta ao interese xeral de Galiza e dos galegos e galegas. Mais, sí cómpre facer un breve resumo para aviso a navegantes, de cales son as ideas forza contidas nos documentos citados:

 Vou referirme ao Plan hidrolóxico vixente para a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, xa que se trata dun instrumento fundamental para a consecución dos obxectivos medioambientais, entre os que figuran o bo estado e o principio de non deterioro das masas de auga (nas que se atopa o río Ulla) e o cumprimento dos requisitos adicionais en zonas protexidas. Para elo, o Plan conta cun programa de medidas e unha normativa coas que se pretende conseguir unha xestión integrada e a protección a longo prazo dos recursos hídricos, a prevención e deterioro do estado das augas, a protección e mellora do medio ambiente e dos ecosistemas acuáticos, reducción da contaminación e prevención dos efectos de inundacións e sequías.

  Este Plan fai igualmente fincapé ao actual contexto de cambio climático, salientando a especial relevancia “ a compatibilización dos usos socieconómicos da auga coas restriccións medioambientais, polo que a redución das demandas e a racionalidade no uso presentan un reto de futuro”. Á vista da actividade proxectada, todo papel mollado.

 Por moito que sexa o esforzo técnico a nivel de proxecto e da propia Administración autonómica no senso de compatibilizar as esixencias das distintas normas e obxectivos establecidos, a realidade é teimuda á hora de poder encaixar este proxecto, tanto a nivel dos principios invocados, e que non son outros que os interiorizados da propia lexislación básica de aplicación a todo o Estado, das Directivas  da UE que establecen os obxectivos de obrigado cumprimento para todos os estados membros, obxectivos que informan o actual modelo de desenrolo sostible da Axenda europea 2030, con efectos e dimensión económica, social e medioambiental e de gobernanza, efectos que infiren e determinan a aplicación dos fondos europeos Next Generatión, que outorgan unha clara prioridade ao concepto de transición ecolóxica, concepto que incumpre o proxecto Altri-Gama. Unha carga de inmensa responsabilidade, de rigor e ética, que descansa nos técnicos da Administración autonómica. Estaremos expectantes.

 Despois deste inciso e voltando ás declaracións do señor Dapena, o que máis me chamou a atención, non por novidosa e orixinal, senón por ser un clásico no xeito de vender este tipo de proxectos, claramente lesivos para o territorio e que regularmente xeneran un importante impacto social nas zonas elixidas para a súa imprantación. Este proxecto, como non podía ser doutro xeito, non é unha excepción, pois a exemplar mobilización das xentes da Ulloa e arredores é todo un clamor. Unha actitude cívica que a promotora e a Administración autonómica que a secunda  e verbaliza, atribúe á desinformación e descoñecemento do proxecto; unha falacia e un insulto á intelixencia da cidadanía. O mesmo método ao empregado por ERIMSA co seu macroproxecto mineiro para a extracción de xeixo a ceo aberto en preto de seis mil hectáreas en pleno corazón da Terra Cha, pois dita sociedade tamén aludía ao descoñecemento da veciñanza que se opoñía ao seu proxecto, e que grazas á firme, razoada e motivada presión social, fomos quen de evitar aquela desfeita; convencendo aos alcaldes do alcance e transcendencia negativa daquel proxecto, labor que non sempre foi doado; un claro sinal de que a sociedade ía por diante do poder político, xa que no primeiro íntre posicionáranse a favor de dito proxecto, informándoo favorablemente para as súas licenzas urbanísticas e de explotación.

 Despois de moito diálogo e tensos debates, aqueles mesmos alcaldes coa unanimidade da oposición, chegaron a facer causa común coa plataforma veciñal, integrada por sindicatos agrarios, cooperativas e asociacións veciñais de todo tipo e diferentes sensibilidades, asinando incluso e facendo público un documento conxunto na defensa dos valores medioambientais, culturais e socioeconómicos afectados por aquel proxecto. Un precedente e un exemplo que podía ser altamente útil para a veciñanza dos concellos afectados polo proxecto de Altri.

 Naquela ocasión e baixo a éxeda da información, a promotora (ERIMSA) estableceu un potente  dispositivo de propaganda cara as veciñas e veciños da Chaira, amosándolles as “bondades” e nin un só efecto negativo da proxectada actividade, vendendo incluso que a extracción de xeixo polo método deseñado no proxecto (excavación a ceo aberto a unha profundidade de 3 metros) podía entenderse coma unha actividade agrícola e non mineira. Agora Altri estanos a dicir na Ulloa que este proxecto é un referente en canto a “ sostenibilidad medioambiental, innovación y economía circular”. Unha coincidencia palmaria entre os conceptos de actividade agrícola de Erimsa e o de sostenibilidade medioambiental, innovación e economía circular de Altri. Deixando os outros pronunciamentos aos que xa nos referimos amplamente, e centrándonos no curioso concepto que tén Altri da economía circular; novidade innovadora que obrigará as facultades de económicas a revisar tal concepto, pois en modo algún se axusta ás ensinanzas que están impartindo; a non ser que o señor Dapena se estea a referir ao ciclo de contaminación por auga, aire e solos, e o seu retorno circular, impregnándose nos órganos humanos e en todos os seres vivos. Unha innovación exitosa que xa está a dar os seus primeiros froitos nos políticos da dereita, pois xa vimos á señora Candia facendo súa tal teoría.

 Os impactos e os efectos de contaminación non só sobre o medio físico no que se pretende desenvolver a  proxectada actividade, senón tamén naquelas outras zonas receptoras a través do aire e da auga, incidindo sobre as persoas, os animais, os bens e os valores naturais e patrimoniais afectados, provocando un notable devalo das actividades e recursos que constitúen a base da súa economía produtiva sostible, con productos de denominación de orixe  e ecolóxicos, feitos que poderán marcar un antes e un despois; factores que incidirán igualmente a nivel turístico co Camiño de Santiago como símbolo de universalidade, sobre o que se tén feito un importante investimento tanto público como privado, consolidándose como un dos fenómenos de maior calado no eido cultural e relixioso que se achega á capital de Galiza; outra cuestión que non debemos soslaiar, son os efectos sobre a saúde e a calidade de vida das persoas das áreas afectadas ( véxase a información da OMS ao respecto). Toda esta sistemática que se verá afectada, xunto coa poboación, incluída e condensada nunha conxunción de factores e valores que forman o equilibrio do noso ecosistema, unha aura que nos envolve e protexe de tantos males, o Covid 19 pode ser un bo exemplo do seu desequilibrio. Por elo, debe ser valorado como tal e protexido de toda perturbación.

 Este concepto dun ecosistema máis integral do que se entende regularmente, non é unha interpretación deste autor, senón o concepto dunha visión máis ampla que fai o Tribunal Constitucional na súa Sentenza 102/1995, incorporado como fundamento xurídico na Sentenza do TSXG no recurso 0000983/2004, pola que se resolve favorablemente a prevalencia de utilidades preexistentes dos montes veciñais en man común das comunidades de Merlán e Hospital do concello de Palas de Rei, ratificada polo Tribunal Supremo “ incluíndo no medio ambiente non só os recursos naturais, destacando os elementos da flora e da fauna na conxunción dos escenarios que supoñen o solo e a auga como espazo natural, ao que poden engadirse estratos non esencialmente naturais, como os monumentos e, en definitiva, , unha realidade dependente, por tanto,  non obxectiva, como é a paisaxe. Toda esta estrutura sistematízase nun concepto estrutural coa idea dominante do equilibrio de factores, condensado no que se denomina ecosistema”.

 Traigo este recordatorio co ánimo de contraste entre dúas realidades: aquela que afectaba a uns montes veciñais en M.C., de escaso aproveitamento, e a que pretende levar a termo Altri, de ningún xeito comparable en termos de impactos e afeccións de utilidades públicas e privadas, así como ao propio interese xeral. Cuestión que debería ponderar a Administración autonómica nun procedemento público e aberto á participación cidadá, evitando de tal xeito     a consolidación de situacións fácticas irreversibles,  amparadas nunha presunta  ilegalidade,  con indefensión e dano á cidadanía.

 Xa sabemos que este proxecto está sometido ao correspondente prazo de exposición pública, pero esta exposición pública non deixa de ser unha gracia restrinxida pola norma reguladora deste proxecto.

 Por outra banda e ante a gravidade  das noticias que están a saír na meirande parte dos medios de comunicación galegos e incluso nacionais, relativas a que este proxecto puido ser cambiado respecto do que serviu de base para a toma de decisións e acordos parlamentarios, dos que derivan actos administrativos de vital transcendencia adoptados polo Goberno galego e que afectan tanto ao interese público como xeral, feitos que están a ocasionar unha forte alarma e confusión na cidadanía. Por tal motivo e en aras da obxectividade e transparencia , que deben presidir as actuacións administrativas, compriría instar ao Consello de Contas para que no marco das súas competencias averigüe e fiscalice todos os actos e trámites levados a termo pola Administración autonómica en todo o relativo a este proxecto, con expresión da documentación técnica na que se sustentaron tales actos e acordos, incluso parlamentarios, para a toma de decisións.

Despois deste longo percorrido polas vicisitudes do proxecto Altri-Gama e dun xeito máis subxetivo que non menos real, quero referirme ás xentes con conciencia da Ulloa e doutros lugares, as que sen dúbida son o maior patrimonio a protexer e apoiar, para que siga perseverando na defensa da súa terra, e como di o título dun libro de Xosé L. Barreiro “ A terra quere pobo “, e ese pobo ergueuse para defender os seus valores e o seu medio de vida. A primeira noticia directa que me chega desta revolta cívica,  pacífica e respectuosa, foi por medio dun vídeo elaborado pola Plataforma ULLOA VIVA que me achega Lorena, unha moza con raigaños na parroquia do Sexo ( A Golada), no que se recolle unha fermosa panorámica dos eidos desta parroquia, co río Ulla ao fondo coas súas augas limpas, silandeiras e unha rica flora que o engalana; un conxunto ameazado pola cobiza dos promotores deste proxecto invasor da natureza e da vida. Emocionantes son as verbas das veciñas e veciños do lugar, expresión viva do sentimento na defensa dos valores e da historia que agocha o interior desta Galiza que aínda vive e que as súas xentes manteñen; nas súas palabras percibíase unha mestura de amor e de amargura ao ver o seu patrimonio ameazado, contando as historias ateigadas de saudade a carón do seu río; unha sensación de impotencia e abandono do poder político sometido aos intereses dos poderosos, eses mesmos que onte lles pediron o seu voto e a súa confianza, dicíndolles que eran de fiar, e aí os tedes. Mais na súa actitude non hai resignación, senón desexo de loitar, pois son conscientes do moito que está en xogo, a súa dignidade, a saúde e a vida; un patrimonio legado polos seus devanceiros, o que, mesmamente, lle lo queren transmitir aos seus descendentes e éstes ás xeracións futuras.

 Para esta loita é necesaria a xente nova, por iso invocan ás fillas e aos fillos que teñen máis forza e están máis preparados; eses mozos e mozas, que a veces semella que perderon o apego polas cousas do rural e do seu medio natural, nada máis lonxe, estamos a velo. Cando se fai presente o perigo abrolla neles ese tirón telúrico que teñen gardado para as cousas boas e nobres, e ésta é unha delas, pois o seu compromiso coa terra non está a fallar, erguéndose en alborada, nenas e nenos, mozos e mozas dicindo e expoñendo sólidas razóns polas que non queren a ALTRI nas súas vidas.

 Estade preparados para non desfallecer nesa dura loita, tede coidado. Virán os de sempre coa mesma cantiga: o que estades a facer está moi ben e nós respectámolo, pero non podemos pecharnos ao progreso e ao dos nosos fillos… Dálle, e tumba e revira. Non lles fagades caso, o progreso para esta xente é o seu propio beneficio, e nunca os custos que temos que pagar a cidadanía.

 Sobre este tipo de razoamentos interesados, existe unha razón de peso, expresada por Nicholas Stern, execonomista, xefe do Banco Mundial (nada sospeitoso de ser bolchevique), autor de numerosos traballos sobre a repercusión da economía no cambio climático, facendo fincapé no que supón a inacción sobre o mesmo, en relación co custo da adopción das medidas adecuadas nesta materia: segundo a súa estimación, o custo de mitigar o quentamento global equivale ao 1% do PIB global, mentres o custo de non actuar suporía unha reducción do 20% do PIB global. Estimación feita no horizonte 2050.

 No caso que nos ocupa a situación sería moito máis grave, xa que non é deixar de facer, senón facer xusto o contrario, polo que a repercusión sobre o PIB global sería moi superior.

 Mais non debemos deixar de ter en conta que este proxecto conta con importantes esteos que terman da súa estrutura, Xosé Blanco, outrora socialista, exministro de Fomento e con raíces en Palas de Rei, onde quere deixar a súa pegada; Beatriz Mato, exconselleira de Medio Ambiente nos gobernos de Núñez Feijóo, dous especialistas nas técnicas máis innovadoras das portas xiratorias, dúas almas xemelgas  que se xuntan avezadas na procura da coima. Unha especie de influencers convertidos en lobbys, que viven e fan negocio dos réditos de haber ocupado altos cargos institucionais, máis pendentes de asegurar o seu futuro que de servir ao interese público. Estou seguro da vergoña allea que poden sentir moitos socialistas honrados, tamén os  da Ulloa que eu coñezo. Aos da dereita, este tipo de cousas non lles fai denteira.

 Cando estou a escribir esta longa crónica, véñenme ao pensamento lembranzas saudosas como diría o gran poeta portugués Teixeira de Pascuaes, dos meus tempos mozos compartindo con amigos e amigas días de festa e de lecer por terras da Ulloa, descubrindo a súa historia e o seu rico patrimonio que inspirou a dona Emilia Pardo Bazán na escrita da súa novela “Pazos de Ulloa”. E tamén lembro con moito afecto aquelas fondas conversas co profesor Xosé Luís Novo Cazón, vello amigo e compañeiro de xeiras soñadoras, chairego coma  min. Novo Cazón deixounos un importante legado coa súa magnífica obra “ El Priorato Santiaguista de Vilar de Donas en la Edad Media (1194-1500), unha das mellores xoias que loce Palas de Rei e A Ulloa, xunto co Castelo de Pambre, lugares de obrigada parada para descanso do corpo e da alma.

 Estou completamente seguro do que cavilaría hoxe o profesor Novo Cazón sobre este desatinado proxecto para este lugar senlleiro da Ulloa, no que este autor e outros adicaron tantos desvelos, para que agora veñan, como di o noso himno, “  os iñorantes e féridos e duros,  imbéciles e escuros non nos entenden, non”  a estragar todo este legado de tanta beleza, de historia vivida e tamén soñada. Unha desgraza.

 Hoxe Galiza enteira debe mirar cara á Ulloa, o seu punto centro, que  se resiste a morrer ante a ameaza. Xa escoitamos o soído agarimoso das gaitas de Antas de Ulla, anunciándonos o abrente limpo e libre de malos cheiros, só arrecendo a cocedura do seu saboroso pan. Unha expresión de ledicia e de futuro, a súa xente nova, con nenas e nenos bailando e cantando ALTRI NON. Eu non vin violencia nin violentos, non. Só vin amor e ledicia cara o futuro. Non lle lo estraguedes.

Comparte éste artículo
1 Comment