Aberto o prazo de inscrición do Curso de Extensión Universitaria sobre Estudos Marítimos que terá lugar a partir do 17 de abril na UDC

por Redacción A Coruña

O estudantado de grao da UDC que participe nesta formación poderá recoñer 3 créditos na súa titulación

O Instituto Universitario de Estudos Europeos (IUEE) «Salvador de Madariaga» da Universidade da Coruña, en colaboración coa Cátedra Jean Monnet «Derecho de la Unión Europea del mar» da UDC e a Fundación MarInnleg (Centro de Innovación de Estudios Jurídicos Marítimos y Pesquereos), de Vigo, organizará do 17 de abril ao 30 de maio de 2024 a terceira edición do Curso de Extensión Universitaria sobre Estudos Marítimos.

Este curso, de 39 horas de duración, desenvolverase os mércores e os xoves de 16:30 a 19:30 horas na modalidade en liña, a través da plataforma de Microsoft TEAMS. Trátase dunha formación transversal e interdisciplinar que abrangue dende a historia do mar, ao dereito do mar, pasando pola economía marítima, o dereito marítimo, a actividade pesqueira, o medio ambiente marítimo, o transporte e a enxeñaría marítima, as xentes do mar e a utilización das novas tecnoloxías dixitais e a intelixencia artificial aplicada ás actividades marítimas. O profesorado está formado, na súa maior parte, por docentes e investigadores da UDC e da Universidade de Vigo e por profesionais da administración pública e do sector privado marítimo-pesqueiro.

O curso está dirixido ao alumnado universitario de grao, máster e doutoramento, tanto de universidades españolas como estranxeiras, así como ao persoal directivo e técnico de institucións públicas e privadas relacionadas co mar, a profesionais sen titulación universitaria que reúnan os requisitos legais para poder cursar estudos universitarios, e a membros da sociedade civil en xeral.

O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 15 de abril, debendo tramitarse as solicitudes a través de inscricións. Ofértanse 30 prazas, e a admisión realizarase por orde de recepción. As persoas admitidas recibirán unha ligazón para formalizar a matrícula.

Ao remate das clases, ao alumnado que asista e participe en polo menos 11 das 13 sesións do curso expediráselle, pola UDC, un certificado oficial de asistencia e participación, e, así mesmo, poderá recoñecérselle créditos nos estudos de grao (1,5 créditos por cada 15 horas, máximo 3 créditos por cada curso académico).

A terceira edición do Curso de Extensión Universitaria sobre Estudos Marítimos está cofinanciada pola Unión Europea.

Máis información sobre esta formación

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario