De Ninghures gaña o premio aRi[t]mar á Mellor Música do Ano na Galiza

por Redacción Galicia

Nunha edición que establece un novo récord de participación ao achegarse aos 10.000 votos

O pasado 27 de marzo pechou o proceso de votación mediante o cal o público da gala aRi[t]mar escolleu cales foron as Mellores Músicas do ano 2023 na Galiza e en Portugal. Nesta novena edición, o certame volveu bater a súa propia marca de participación cun total de 9850 votos, cifra que supón máis dun 40% de incremento con respecto á edición anterior.

Neste caso, o público de aRi[t]mar acordou que Morena, de De Ninghures, fose a Mellor Música do ano 2023 na Galiza. O tema, estreado en outubro de 2023, alén de ser un dos máis bailables da banda, é boa mostra das confluencias que se dan nesta agrupación. Neste caso, as de tradición galega e as de electronic dance music. Noutros traballos, esta agrupación formada por, entre outros, músicos bergantiñáns, composteláns e fonsagradinos, tamén presenta influencias doutras tradicións musicais ibéricas, así como de sons magrebís ou latinoamericanos.

Na Escola, de Os Quatro e Meia, Mellor Música do Ano 2023 en Portugal

No caso do territorio luso, o tema elixido como Mellor Música do ano 2023 en Portugal é Na Escola, da banda coimbrán Os Quatro e Meia. Agrupación formada por seis músicos que ten a súa orixe nunha xuntanza universitaria aló polo 2013. Practican unha música que poderiamos definir como pop-rock, con tendencia a cancións lentas e emotivas, alta presenza do piano e mais outros elementos como as seccións de corda.

Caamaño&Ameixeiras, Mondra, Miguel Araújo e Carolina Deslandes completan o podio musical da novena edición dos premios aRi[t]mar

Os/as artistas que acadaron o podio grazas aos votos do público foron, na Galiza, o dúo Caamaño&Ameixeiras co tema Ai de Min e Mondra co seu Ardén. En Portugal, o segundo e a terceira clasificado/a foron Miguel Araújo co tema Sagitário e Carolina Deslandes coa súa Saia da Carolina.

A gala aRi[t]mar amosa a faciana da música galega: xuventude e renovación

Xuventude e un alto grao de aceptación por parte da xente nova. Son dúas realidades que comparten De Ninghures, Caamaño&Ameixeiras e Mondra, as tres inciativas que nesta novena edición de aRi[t]mar están situadas no cumio da Mellor Música do 2023 na Galiza. O sector sonoro galego continúa renovando o seu ecosistema, segue facendo gala dunha tradición musical cada vez máis grande e máis rica en matices, onde a conservación, a fusión e a innovación conviven do xeito máis harmónico e natural.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario