O Campus Industrial da UDC recibe este xoves a Mención Honorífica do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia

por Redacción A Coruña

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, este xoves 4 de abril, ás 19:00 horas, o acto conmemorativo da creación dos estudos de Enxeñaría Industrial que organiza o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) e no que se lle fará entrega da Mención Honorífica pola súa contribución no eido da Enxeñaría Industrial ao Campus Industrial da Universidade da Coruña e a súa exdirectora, a actual vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e tamén profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Ana Ares Pernas.

O delegado en Ferrol do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) e profesor da Universidade da Coruña, Javier Bouza Fernández, será o encargado de conducir un acto conmemorativo que continuará coa entrega do Premio Fin de Máster da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) 2022/23 na categoría de “Proxecto de Introdución á Investigación Aplicada” ao antigo alumno do máster en Enxeñaría Industrial, José Manuel Rama Docampo, quen presentará brevemente o seu traballo titulado “Sistema de visión artificial para a clasificación de obxectos botando man da IA para submarinos autónomos” no que afondou nun problema moi específico da robótica submarina: mellorar a percepción e a capacidade de análise dun vehículo submarino autónomo. 

De seguido, intervirá o director xeral de Reganosa e graduado en Enxeñaría Industrial na especialidade de Enerxética pola Universidade da Coruña, Rodrigo Díaz Ibarra, quen impartirá a conferencia “Importancia do enxeñeiro ou enxeñeira industrial na innovación e infraestruturas de Reganosa”. Ao seu remate, dará comezo unha mesa redonda na que antigos alumnos e alumnas da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) falarán sobre a profesión de enxeñeiro e enxeñeira industrial tanto no sector da industria como na profesión libre. Intervirán a responsable de Calidade, Medio Ambiente e de Seguridade e Saúde do grupo siderúrxico Megasa, Almudena Sepúlveda Marón; o director de Desenvolvemento de Negocio en Intacta Gestión Ambiental, Cristóbal Piñón Fernández; o director de Produción no Estaleiro de Navantia Ferrol, Raúl Rico Beceiro; o administrador da empresa Aringal, Juan Leira González; e a recentemente titulada en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, María Fandiño Sánchez, quen traballa como profesional independente realizando traballos de deseño e instalación fotovoltaica, informes técnicos e certificados enerxéticos.

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, pechará o acto conmemorativo da creación dos estudos de Enxeñaría Industrial acompañado polo decano do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Julio García Cordonié; polo director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez González; e máis polo director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás.

Foto: O delegado en Ferrol do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) e profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Javier Bouza Fernández, será o condutor do acto conmemorativo que este xoves, 4 de abril, ás 19:00 horas, acolle o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario