Olalla Rodil: “Charla informativa sobre Altri, hoxe na Casa do Saber ás 20:00”

por Redacción Lugo

A viceportavoz do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, animou ás veciñas e veciños de Lugo a acudir á charla informativa sobre o proxecto de planta de celulosa que a multinacional portuguesa Altri planea instalar no concello de Palas de Rei. Rodil intervirá nesta charla xunto con Ana Fernández, membro de Adega e especialista no ciclo da auga, que afondará nas implicacións que o proxecto terá para a comarca da Ulloa e para o resto de concellos de Lugo e de Galiza.

As persoas asistentes poderán coñecer mellor as implicacións da implantación do megacomplexo industrial de Altri, e os efectos que terá en todo o territorio galego, ademais do impacto negativo que terá sobre a actividade económica e no emprego nas zonas afectadas.

Rodil animou á veciñanza a presentar alegacións ao proxecto para «manifestar ante a Xunta de Galiza o rexeitamento a esta macroplanta destinada á producción de celulosa». Segundo recoñeceu a propia empresa, subliñou Rodil, a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e 60.000 de lyocell nunha primeira fase, cantidades que ascenderían a 400.000 t. e 200.000 t. respectivamente coa factoría a pleno rendemento.

«Pretenden instalar en Galiza unha fábrica contaminante que non queren en Portugal», denunciou a deputada, advertindo do «enorme impacto territorial, nos recursos hídricos e no tecido socieconómico» non só en Palas de Rei, senón tamén en Agolada, Santiso e Melide e na contorna da ría de Arousa.

«É unha agresión descomunal e un ataque ao ben máis preciado que temos», apuntou en alusión a auga que precisaría a pasteira que, segundo a propia empresa, captaría máis de 16 millóns de metros cúbicos ao ano procedentes do encoro de Portodemouros. É dicir, 46.000 metros cúbicos de auga ao día ou, o que é o mesmo, 535 litros por segundo. «Altri succionará máis auga da que consumimos nun día as 350.000 persoas que vivimos na provincia de Lugo», destacou Olalla Rodil.

A celulosa vertería de volta ao río Ulla aproximadamente o 80 % da auga logo de sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial, explicou a deputada nacionalista, salientando que o Ulla xa ten agora uns índices elevados de contaminación e que desemboca nunha ría de Arousa «da que comen máis de 4.000 familias, que produce máis do 70 % do mexillón de Galiza e que leva anos vendo caer a súa produtividade».

Rodil destacou, por outra banda, o impacto económico que a fábrica terá na zona na que se enmarca a DOP Arzúa-Ulloa, a segunda en produción do Estado español, con numerosas explotacións agrogandeiras e proxectos empresariais vinculados ao sector primario ou ao Camiño que xeran riqueza e postos de traballo na zona.

«En vez de axudar a estes proxectos o Goberno do PP leva anos impedindo que se poida culminar a concentración parcelaria en zonas afectadas polo proxecto de Altri», denunciou a viceportavoz parlamentaria, que advertiu así mesmo da demanda de eucalipto que exixirá a fábrica de Altri, exercendo -dixo- aínda máis presión sobre as terras agrarias e reducindo a superficie agraria últil. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario