Sondaxes valorativas na escavación arqueolóxica da fortaleza do Alto de San Cibrán

por Redacción Pontevedra

O pasado luns, primeiro de abril, a equipa arqueolóxica de ‘Castelos no aire’ comezou unha campaña de escavación arqueolóxica no Alto de San Cibrán (Ponteareas-Salceda de Caselas)

O pasado luns comezou unha campaña de escavación arqueolóxica no Alto de San Cibrán, situado na extrema entre as parroquias de Gulásn (Ponteareas) e A Picoña (Salceda de Caselas). Esta intervención é froito da colaboración entre o proxecto de investigación ‘Castelos no aire’ e a Comunidade de Montes da Picoña. Os traballos son dirixidos por Mario Pereiro, investigador e arqueólogo do grupo de investigación Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela, e realizados en colaboración coa empresa ‘Tempos Arqueólogos’.

“O Alto de San Cibrán agocha un recinto fortificado moi interesante, cunha extensión próxima as 5 ha, e cunhas evidencias construtivas aínda recoñecíbeis.” explica Mario Pereiro, director da intervención, “Ademais, o Alto de San Cibrán en un lugar de referencia para as dúas parroquias, Guláns e A Picoña, cunha romaría que se celebra dúas veces no ano (maio e setembro).”

Esta campaña arqueolóxica durará dúas semanas e estenderase até o venres 12 de abril e ten como obxectivo coñecer a cronoloxía de ocupación da fortaleza. “Coñecer cando foi ocupada, permitirá desenvolver hipóteses de para que foi construída esta fortaleza” comenta Mario Pereiro, “A intención é intervir en dous posíbeis edificios situados na zona sur do recinto.”

Esta intervención é cofinanciada entre a Universidade de Santiago de Compostela e a CMVMC da Picoña. Ao igual que outras intervencións organizadas por ‘Castelos no aire’, esta campaña estará ‘aberta por escavación’, facendo posíbel a calquera achegarse ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario