A deputada Verónica Martínez Barbero e o deputado Manuel Lago, acompañados da membro da Comisión Permanente de Sumar Galicia, Marta Lois, e do seu portavoz, Paulo Carlos López, veñen de reunirse coa Plataforma Ulloa Viva para manifestar «a súa oposición, nas condicións actuais, ao proxecto industrial que Altri quere instalar en Palas de Rei».
Segundo o portavoz da organización, Paulo Carlos López, os motivos para rexeitar esta instalación son varios. En primeiro lugar, «o democrático», xa que toda instalación dun proxecto industrial destas características ten que realizarse co «acordo e visto bo» da cidadanía que vive no lugar, algo que parece «no se da nestas circunstancias».
En segundo termo, recalca López, «o verde», xa que, mesmo facendo referencia aos propios informes técnicos da empresa, o impacto medioambiental nalgúns casos sería «severo».
E en terceiro lugar, o «industrial», xa que isto se alonxa do acordado no Parlamento de Galicia no ano 2022 por unanimidade, «non facendo fibra textil vexetal na súa maioría, senón pasta de celulosa e, consecuentemente, non pechando o ciclo produtivo e conectando cos sectores estratéxicos do noso País».
Por iso Sumar Galicia apela á Xunta de Galicia e á empresa a retomar a proposta inicial do Parlamento de Galicia, «facendo de verdade un proxecto reindustrializador e que peche o ciclo produtivo, buscando un lugar alternativo e, por suposto, minimizando ao máximo o impacto ambiental. Circunstancias que neste momento non se dan, polo que nos opoñemos ao proxecto», recalca López.