A Xunta volve colaborar co festival de música independente Facela Fest de Lugo, que celebra a súa oitava edición os días 9, 10 e 11 de maio con destacadas bandas e artistas de ámbito nacional e internacional. Los Enemigos e Micah P. Hinson forman parte do cartel xunto con Josh Rouse, Lisabö, Pablo Und Destruktion, Florent y yo, Aiko, Parade, Sunfruits, Alarido, Las Tropigóticas, Beach Avenue, Auto Sacramental, The Black Wizards e Carabela.
A secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, mantivo hoxe un encontro cos organizadores do Facela Fest, Celestino Muinelo e Suso Rielo. Barreiro destacou o apoio económico do Goberno galego ás citas culturais de calidade como este festival de música, «que teñen moito potencial para atraer turismo e dinamizar economicamente os concellos que os acollen». As actuacións desenvolveranse no club Clavicémbalo e no exterior do auditorio Gustavo Freire.