Boyanka Kostova propón unha “Foliada no Inferno” co seu sexto disco

por Redacción Galicia

A dupla máis icónica do novo rap galego volve co seu álbum máis ecléctico da súa carreira

Foliada no Inferno é un tratado de ‘escarnio e maldizer’. Nel, O Chicho do Funk (Ortiga) e Cibrán García maldín todos os  males do seu tempo: as relacións sociais, as drogas, o desamor… Pero isto sempre dende o escarnio, mantendo o seu característico toque de humor retranqueiro nas súas letras.

O disco comeza  coas cancións A Resposta, Bo chaval e Comida, viño e cancións, nas que Cibrán aborda virtuosamente a cotidianidade das relacións máis baixas que un individuo establece. Nelas manteñen a súa habitual estética formada por bases escuras graves e partes cun acelerado rap. Séguenlle tres temas de corte amoroso onde a estética sonora dá un xiro radical. Que che den polo cu, en forma de reguetón; Todo me sabe a ti, unha bachata romántica e Fóra da Lei, un corrido tumbado coa colaboración de Conjunto Amistá. É aquí onde Boyanka Kostova saca a relucir a súa parte máis versátil e puramente latina, algo que non fixeran previamente na súa discografía.

A partir deste punto é onde se desata a tolemia e comeza a dar a sensación de estar nunha Foliada no Inferno. Doimakara, que pon as pulsacións a 300 a base de HardBass e Porralume, que recorda á electrónica francesa de club dos 2000’s, dan paso ao rompepistas definitivo: Italofeira, un tema inspirado na estética das grandes discotecas do rural galego da década dos 2000, mezclando italotechno cunha reinterpretación do tema popular Baila Queridiño en clave de muiñeira.

Dous temas pechan o disco: Foliada no inferno e Rayo Solar. O primeiro mestura o trap con instrumentos galegos tradicionais, para culminar cun éxtase de techno escuro. É aquí onde se fusionan as gaitas, a harpa de boa e as pandeiretas co son máis ravero de Boyanka ata o momento. Pon o broche final Rayo solar, canción que segue a tradición dos rapeiros de pechar os discos cun tema que leve a palabra ‘rayo’, e que funciona como unha especie de diario no que os artistas expoñen o seu punto vital.

Foliada no inferno conta, ademais, coa colaboración de recoñecidos artistas, como Camel Blando e O.G. de FO Records no tema Porralume. Do ámbito da música tradicional cabe destacar a presenza de artistas como o gaiteiro David Bellas, a pandereiteira Marina Vidal e o músico Manuel Pardo no tema que dá nome ao disco.

Hai menos de un ano publicaban Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados, un disco de puro rap clásico. Con este traballo afástanse totalmente de ese son, propoñendo o seu disco máis longo e ecléctico ata hoxe. Foliada no inferno xa está dispoñible tamén en formato físico; cun vinilo coidado e realmente especial. Este é o sexto traballo discográfico da banda picheleira nos seus oito anos de vida, deixando visible que son un dos grupos máis prolíficos compositivamente da última década en Galicia.

Noite e misterio dan forma ao universo do novo disco, que sairá á luz este 4 de abril. O dúo de rapeiros galegos xa ofreceu avances do seu sexto proxecto Foliada no Inferno cos temas Fóra da Lei e ItaloFeira. O último lanzamento segue a ofrecer pinceladas do álbum máis ecléctico da súa ampla traxectoria. Será o vindeiro 20 de abril cando Boyanka Kostova leve este escurantismo á Sala Capitol (Santiago de Compostela) para presentar o álbum. As entradas para o evento xa están dispoñibles.

PRÓXIMAS DATAS

· 06/04 · NOIA (Ría Fest)
· 20/04 · CAPITOL (Santiago) · ENTRADAS

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario