O portavoz, Óscar Fernández, sinala que «os erros, as inexactitudes e os camiños que non están identificados como municipais poden supoñer prexuízos á hora de realizar futuras actuacións»
O Grupo Municipal do PP de Meira organiza reunións cos veciños para a revisión de camiños identificados no inventario municipal que terán lugar este venres 5 de abril a partir das 18.00 horas e o sábado 6 a partir das 11.00 horas na escola de Sebe de Abades, en Seixosmil, tras detectar erros, inexactitudes e, incluso, a ausencia de camiños que quedaron sen identificar.
Os populares póñense a disposición dos veciños para asesorar sobre como presentar alegacións antes de que remate o prazo o vindeiro martes día 9 porque “as inexactitudes e os camiños que non están identificados como municipais poden supoñer prexuízos á hora de realizar futuras actuacións”. Neste último caso, o Concello non podería recibir subvencións para a súa mellora ao non constar como titular ou tampouco podería reclamar o mantemento ás empresas forestais que poidan causar danos no caso daqueles por onde se extrae madeira.
O portavoz, Óscar Fernández, lamenta tamén “a indefensión que supón para os veciños e veciñas afectados o feito de que o prazo de exposición público fora tan curto ou que o enlace de descarga non estivera dispoñible na maior parte do período de exposición pública”.
Tamén advirte que “para a redacción do inventario se tomou como base o catastro histórico do municipio que data das décadas dos 50 e 60 e que, polo tanto, non está actualizado: hai carreiros que xa perderon a súa utilidade e quedan camiños sen identificar como públicos, cando na actualidade si aparecen como públicos no inventario do Plan Básico Autonómico de Galicia ou na rede viaria do Instituto Xeográfico Nacional”, indica.
Rutas de sendeirismo sen identificar
Fernández tamén chama a atención sobre “a falta de previsión do goberno local ao non identificar como público unha boa parte das rutas de sendeirismo que o propio Concello promociona na súa páxina web”. Así, advirte que isto pode supoñer “un problema para o futuro no caso de accidentes ou no caso de acreditar a titularidade para solicitar axudas a outras administracións para mellorar os viais”.