O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, presidiu hoxe, xunto ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa participación de centos de estudantes de centros escolares da provincia
O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, presidiu hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o acto de entrega dos Premios Estatuto de Autonomía, convocados pola Deputación para conmemorar os 43 anos da aprobación da norma básica institucional -a lei orgánica 1/1981 do 6 de abril-.
Con este certame a institución provincial conmemora o Estatuto de Autonomía e difunde o seu significado entre os escolares. Nesta undécima edición, baixo o lema «A defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego», o xurado seleccionou a 45 alumnos de entre os 436 traballos presentados nas categorías de redacción (98) e debuxo (338).
“Hai xa once edicións que se decidiu desde a Deputación de Ourense conmemorar esta data”, xa que o Estatuto de Autonomía de Galicia dá natureza xurídica a toda a arquitectura institucional autonómica de Galicia, así como á identidade e á nación cultural galega”, lembrou César Fernández.
Cos seus traballos, o alumnado puido reflexionar sobre “unha das cuestións que sinalaba en concreto o Estatuto de Autonomía: a preservación da cultura, da identidade cultural galega”, salientou Fernández. Agradeceu o traballo de todos afirmando que “coñecendo o Estatuto de Autonomía estades contribuíndo a reforzar a idea de que Galicia é unha autonomía cunha identidade e unha lingua propia e cunha cultura de seu e, polo tanto, o voso traballo tamén é mostra do voso compromiso con elo”.
Pola súa banda, Miguel Santalices puxo en valor o feito de ser a «única provincia galega que celebra a través dun acto oficial este Estatuto”. Unha homenaxe, destacou, “á todos aqueles que traballaron a prol deste Estatuto, así como a todos os ourensáns porque me sinto moi orgulloso de que tomemos conciencia da súa importancia a través deste certame”. Animou a participar no programa de visitas do Parlamento que teñen en marcha para achegar a Cámara lexislativa á cidadanía.
Entrega dos premios Estatuto de Autonomía
Os corenta e cinco alumnos premiados pertencen aos centros Colexio Plurilingüe Divina Pastora-Franciscanas; CPR Plurilingüe Luis Vives; CPR Plurilingüe Padre Feijóo-Zorelle; CPR Plurilingüe La Purísima; Álvarez Castro Beatriz; e o CEIP de Sandiás.
O acto contou coas intervencións musicais do Coro Infantil e Xuvenil Cantiga de Ourense e a actuación do Mago Teto.
O xurado estivo conformado polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, que actuou en calidade de presidente; as deputadas provinciais María Teresa Barge e Elvira Lama; e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, que actuou como secretario.
As modalidades do concurso foron dúas; o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial presentaron debuxos e traballos artísticos; mentres que o resto concursaron cunha redacción en galego sobre o Estatuto.