A maior concentración dos casos actuais dáse en idades escolares, sobre todo na franxa de 10-14 anos, e teñen carácter leve, sen que se producira ningún ingreso nesta poboación
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, no que levamos de 2024, o sistema de vixilancia epidemiolóxica de Galicia detectou un total de 241 casos de tose ferina. Este aumento non é exclusivo da nosa comunidade e estase a dar de forma xeneralizada noutros territorios. Isto indica que existe unha maior circulación da bacteria causante (Bordetella pertussis) retornando á situación prepandémica, como ocorre co resto de patóxenos respiratorios.
Ademais existen outros factores que poden estar influíndo no aumento diagnóstico de máis casos, como o incremento no número de probas que se fan na actualidade e a maior sensibilidade destas (PCR fronte ao cultivo tradicional), así como a intensificación que se fai na vixilancia epidemiolóxica e na identificación non só dos casos, senón, tamén, dos contactos estreitos.
A distribución por idades dos casos que se están a ver na actualidade é diferente á de antes da pandemia. A maior concentración dos casos actuais dáse en idades escolares, sobre todo na franxa de 10-14 anos, e teñen carácter leve, sen que se producira ningún ingreso nesta poboación. Mentres que antes os menores de 1 ano eran o colectivo onde se detectaban máis casos, e agora agrupan menos do 5 % dos casos.
Estes menores de 1 ano son o grupo de idade máis vulnerable, onde se debe priorizar a vixilancia, porque é onde se poden producir as infeccións máis graves e con complicacións, sobre todo nos primeiros meses de idade e ante a falta das pautas completas de vacinación.
Importancia da vacinación
Dende a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade insístese na importancia da vacinación fronte á tose ferina, incluída gratuitamente no Calendario de Inmunización para Toda a Vida, dado que é a medida máis efectiva para previr a enfermidade, sobre todo os estados graves nos nenos e nenas máis pequenos. O departamento sanitario galego recorda que se deben cumprir as pautas establecidas con doses aos 2, 4 e 11 meses (que se administra na vacina hexavalente) e unha dose de recordo aos 6 anos (que se administra nunha vacina tripla).
Ademais, recoméndase a vacinación no embarazo (a partir da semana 27) para a protección tanto da nai como dos bebés nos primeiros meses de vida.
As coberturas acadadas en 2023 na nosa comunidade en torno á vacina son do 99,9 % en primovacunación, 94 % na dose de recordo e do 86 % en mulleres embarazadas.
Sobre a enfermidade
A tose ferina é unha enfermidade endémica en todo o mundo que amosa picos de transmisión cada certos anos. É unha infección causada pola bacteria Bordetella pertussis, altamente contaxiosa, que comeza con síntomas catarrais (conxestión nasal, mocos, tose, febre) polo que non se distingue no inicio doutras afeccións respiratorias.
Progresa en 1-2 semanas a unha tos paroxística (ataques de tos máis violentos e incontrolables), que poden provocar o vómito. É nesta fase cando se sospeita o diagnóstico de tose ferina. En xeral, é unha enfermidade de carácter leve en adolescentes e adultos. A complicación máis frecuente é a pneumonía e a insuficiencia respiratoria.
Transmítese a través do contacto con secrecións respiratorias, polo que os casos sospeitosos ou confirmados deben manter as medidas hixiénico sanitarias, como uso de máscara, para evitar contaxios sobre todo a persoas de maior risco (menores de 1 ano, mulleres embarazadas, e persoas con problemas de inmunosupresión).