Antonio Ameijide denuncia que «o presidente da Deputación segue instalado no municipalismo de amiguetes, marxinando á máis da metade dos concellos da provincia soamente porque os seus veciños decidiron que o mellor para o municipio era un goberno do PP»
“Tomé e o goberno de PSOE e BNG deixaron claro, unha vez máis, neste primeiro trimestre do ano 2024 que non gobernan para todos os concellos da provincia nin para tódolos lucenses”. Así o afirma o portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, tras analizar os convenios que o presidente da Deputación deu a dedo no primeiro trimestre do ano -aprobados en xunta de goberno ou vía decreto- a Concellos gobernados por PSOE e BNG e que suman preto de 900.000 euros (865.814,72 euros).
O goberno provincial aprobou en xunta de goberno no primeiro trimestre do 2024 dous convenios con Concellos gobernados polo PSOE (Pol e Xermade) e un polo BNG (A Pobra do Brollón) que suman preto de 245.000 euros (244.920,25€). E o presidente autorizou, vía decreto, convenios con tres gobernados polo PSOE (A Fonsagrada, Ourol e Monforte) e un polo BNG (Samos) que suman máis de 620.000 euros (620.894,47€).
Ameijide subliña que “PSOE e BNG continúan a empregar a Deputación de Lugo como a súa chequeira particular”. De feito, incide en que “este goberno segue instalado no seu municipalismo de amiguetes, marxinando a máis da metade dos Concellos da provincia de Lugo soamente porque os seus veciños decidiron que a mellor opción para dirixir o seu municipio era o Partido Popular”.
Sectarismo e insolidariedade
“O sectarismo e a insolidariedade non son nada novo para este goberno provincial que parece esquecer que unha das principais funcións da Deputación é a cooperación cos Concellos, especialmente cos máis pequenos”, subliña o voceiro do Grupo Popular na Deputación de Lugo.
De feito, “PSOE e BNG seguen a liña do ano 2023 cando destinaron case 15M€ (14,7M€) en 93 convenios -aprobados en xunta de goberno- que tiveron como beneficiarios, practicamente en exclusiva, a Concellos gobernados por PSOE e BNG”. E, ademais, “co Plan Deputación -antes denominado Plan Único- decidiron beneficiar aos 5 municipios máis grandes con 50.000 euros máis para cada un; mentres conxelaron ou reduciron as achegas aos restantes 62”, explica o popular.
Ameijide engade que “se dá a casualidade de que, deses 5, 4 están gobernados polo PSOE e outro por un ex socialista. Pero, ademais, un deles é o Concello no que Tomé é alcalde e para o que vén de autoasinar un decreto polo que autoriza un convenio co Concello de Monforte para achegar outros 600.000 euros”. É dicir, dirixe ao seu Concello o 69% dos fondos outorgados a dedo neste trimestre entre Concellos da provincia afíns a Tomé”.
“E por se fora pouco, a cantidade que reparte a dedo o presidente cuns poucos Concellos afíns nun só trimestre é practicamente a mesma cantidade (1M€) que anunciou que subiría durante os catro anos de mandato o Plan Deputación dirixido a tódolos Concellos”, engade o popular.
Reparto igualitario
“Fronte á política sectaria do goberno provincial que parece que se esquece que unha das funcións principais da Deputación é a de cooperar cos Concellos, especialmente cos máis pequenos”, os populares reivindican “un reparto igualitario entre todos os concellos” e por iso teñen reclamado en varias ocasións aumentar o Plan Deputación para tódolos Concellos nun 30% sufragado cos cartos que o presidente reparte a dedo entre os gobernados polos seus afíns. Este si sería un reparto xusto”, conclúe.