Galicia Calidade conta cun expositor propio con degustacións, catas e presentacións dos produtos certificados polo selo máis seis empresas da marca que dispoñen dun espazo independente
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a oportunidade que supón o Galicia Fórum Gastronómico para exhibir a calidade dos produtos galegos amparados baixo o selo Galicia Calidade.
Lorenzana visitou hoxe a cuarta edición deste foro que está considerado como o maior evento gastronómico profesional do norte de España e que, desde onte, xa visitaron máis de 9.000 persoas, precisou. Na edición anterior, rexistrou 22.000 visitantes, con 200 expositores, 65 poñentes e máis de 30 Estrellas Michelin que participaron.
A conselleira explicou que Galicia Calidade conta cun expositor propio con degustacións, catas e presentacións dos produtos certificados polo selo máis seis empresas da marca que dispoñen dun espazo independente. “Pretendemos poñer en valor os produtos agroalimentarios galegos, a súa excelencia e singularidade e, en particular, a nosa marca Galicia Calidade que quere facer valer no mundo, internacionalizar, os produtos galegos de todo tipo, sendo estes os máis relevantes”, abondou.
Xunto con isto, tamén resaltou a ampla presenza doutros departamentos da Xunta nesta edición. É o caso da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, que ten un mostrador propio e actividades de promoción dos produtos galegos. A Consellería do Mar, que conta cunha aula para realizar catas e dar a coñecer a calidade dos produtos pesqueiros. A de Promoción do Emprego e Igualdade, que está dando a coñecer as fórmulas de economía social neste sector. E Turismo de Galicia, que apoia este evento pola longa tradición que Galicia ten como destino de turismo gastronómico.