Ourense súmase á xira galega do espectáculo IRIBARNE

por Redacción Ourense

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá, o sábado 27 de abril, ás 20.30h, a última creación de ButacaZero, escrita por Esther Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira

Ourense súmase á xira galega de IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero, este mes de abril. A revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira poderá verse no Auditorio Municipal de Ourense o sábado, 27 de abril, ás 20.30 horas. As entradas para a función están xa á venda a través de Ataquilla.

En paralelo á representación do espectáculo, o público de Ourense poderá coñecer máis detalles sobre o proxecto coa presentación do libro de IRIBARNE, editado por Edicións Positivas, este martes, 9 de abril, ás 19.30h, na Libraría Eixo, que, con este evento, inicia un mes de abril cheo de actividades con motivo do seu 25 aniversario. No acto estarán presentes, ademais da autora da peza, Esther Carrodeguas, o director, Xavier Castiñeira, e máis o elenco da mesma case ao completo (Anxo Outumuro, Jorge de Arcos, Xurxo Cortázar, e Lidia Veiga). Asimesmo, o sábado 13 de abril, haberá outra presentación do libro en Catoira, da man de Esther Carrodeguas, Xavier Castiñeira e o editor do libro Paco Macías. Será na Sala Celso Emilio do Edificio Multiusos, ás 20.00 horas.

IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como «un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia». Segundo ela, é «o traballo máis difícil que escribín ata agora» e engade que «foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar». 

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, «este personaxe é inabarcable» e «entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo», e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun «silencio tácito arredor da historia política recente», e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. «Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia», apunta Carrodeguas.

UNHA EXITOSA XIRA

Desde a súa estrea en Galicia, en Vilalba -cidade natal do político-, o pasado mes de xaneiro, IRIBARNE pasou xa por Santiago, Pontevedra, Vilagarcía e A Coruña, entre outras localidades, coa platea ateigada e o público entregado en todos os recintos visitados. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. Dentro de súa xira galega, IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia– ten previsto recalar en Lugo (11 de abril), Tomiño (20 abril), Ourense (27 de abril), Cangas (4 maio), Narón (18 maio) e Ribadavia (xullo). A peza visitará, tamén, outras cidades do Estado, como Bilbao (9 maio) ou Vitoria (7 xuño).

Recentemente fixéronse públicas as candidaturas aos Premios Max, principais galardóns estatais de artes escénicas, e IRIBARNE obtivo dúas candidaturas: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación.

MÁIS CA TEATRO

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas e a un prezo de 15 euros. A súa adquisición tamén é posible nos espazos onde se representa a obra.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. «Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España», sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Trátase dunha «peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver», afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. «Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país», afirma Castiñeira. «Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado», conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e mais o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

Foto portada: @geraldineleloutre

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario