O BNG reclama á Xunta o desenvolvemento dunha alternativa para a dinamización socioeconómica da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, co obxectivo de fomentar actividades sustentábeis que xeren emprego e que fixen e atraian poboación
O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, participou na recollida de alegacións ao proxecto que a multinacional portuguesa Altri pretende realizar en Palas de Rei. Arroxo participou na iniciativa organizada por Galiza Nova, e anunciou o apoio do BNG á recollida de alegacións ante un proxecto «que non será nin sostible nin moito menos circular, un proxecto tramitado cunha absoluta falta de transparencia e con enganos» afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «durante máis de dous anos publicitouse unha factoría de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación». O BNG colocará unha mesa informativa sobre o proxecto, onde recollerá as alegacións da veciñanza, o vindeiro xoves entre as 18 e as 19:30 no cruce da rúa da Raíña coa praza Maior
«O proxecto de Altri en Palas de Rei condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega», afirmou Rubén Arroxo, que destacou que «a afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa, é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza».
A planta ocupará case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 m de altura, afectando directa e negativamente a numerosos concellos da contorna. Rubén Arrroxo destacou que as emisións contaminantes da fábrica «chegarán ata Lugo, empeorando a calidade do aire da cidade», e destacou que terá unha importante afectación no Camiño de Santiago e na industria agrogandeira da zona, ademais do marisqueo da ría de Arousa.
Altri prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa, e afectará tamén ás actividades económicas e ao emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial.