A eurodeputada galega amosou o apoio do BNG aos traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia a nova manipulación do Partido Popular na Comisión de Peticións da Eurocámara para evitar que se mantivese aberta a denuncia presentada por representantes do Comité Intercentros da CRTVG sobre a manipulación nos medios públicos galegos, debatida hoxe no Parlamento Europeo tras moitos meses de atrasos.
Segundo explica a eurodeputada galega, trátase dunha denuncia “totalmente fundada”, xa que amosa a vulneración da normativa comunitaria e na que os representantes dos traballadores da CRTVG desprazados a Bruxelas, -Andrea Pérez e Tiago Alvite- nas súas intervencións aportaron numerosos casos de manipulación e falta de imparcialidade e pluralismo.
“Puidemos comprobar que primeiro atacaron a lingua que empregaron os peticionarios e segundo case non tiveron dereito á réplica”, sinala Miranda, en referencia ás interferencias da Presidencia da Comisión no normal desenvolvemento da mesma, tal e como foi denunciado por varias eurodeputadas e eurodeputados.
“Foi bochornoso”, cualifica a eurodeputada do Bloque en referencia “aos tentáculos do Partido Popular de Galiza do señor Rueda e do señor Feijóo chegan de novo para evitar que Europa diga que a televisión de Galiza manipula, que a televisión de Galiza non é ecuánime e que a televisión de Galiza non ten pluralidade política, como puido comprobar o BNG”. Precisamente na Comisión celebrada hoxe, Ana Miranda mencionou a ausencia dos medios públicos galegos para cubrir unha información que lles atinxe tan directamente.
Deputados ausentes
As manobras do PP na Comisión de Peticións, -que veñen sendo habituais ao impedir o tratamento desta petición en sucesivas ocasións desde que foi considerada admisible en setembro de 2022-, tamén se puideron comprobar hoxe no feito de que varios dos eurodeputados e eurodeputadas do PP estiveron ausentes no transcurso de toda a reunión e só se presentaron no momento da votación.
“Tamén lamento que os deputados do Partido Popular se meteran co BNG. Teñen medo do BNG, -e algúns incluso demostraron que leron o programa do BNG-, como ben sabe Ana Pontón”, sinalou Ana Miranda sobre intervención dunha das deputadas populares.
Foto portada: Andrea Pérez, Ana Miranda e Tiago Alvite