Emitíronse 4,6 millóns de t, a cifra máis baixa rexistrada desde 2005
Segundo os datos oficiais compilados polo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), as emisións de gases causantes de cambio climático das 40 industrias afectadas en Galicia polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) diminuíron o 23,5% en 2023 con respecto ao ano anterior. Ascenderon a 4,6 millóns de toneladas, a cifra máis baixa desde que entrou en vigor o comercio de emisións en 2005.
As 40 industrias obrigadas a participaren no RCDE representan un 30% das emisións totais de gases de invernadoiro de Galicia. Pertencen a sectores industriais intensivos en emisións entre os que destaca o enerxético. As centrais térmicas de gas natural e carbón e a refinaría de petróleo foron responsábeis conxuntamente de case o 70% das emisións suxeitas en Galicia ao comercio de emisións durante 2023.
O descenso das emisións industriais de gases causantes de cambio climático en 2023 concentrouse nas centrais térmicas (-22,1%), nas instalacións de combustión e nas centrais de coxeración de diversos sectores industriais (-42,5%) e máis na produción de aluminio (-34,9%) e de de aceiro e ferroaleacións (-39,7%).
As razóns da forte diminución das emisións industriais en 2023 apuntan máis a factores conxunturais que a avances na descarbonización resultado de mudanzas estruturais. A baixada da xeración eléctrica nas centrais térmicas polo aumento da produción hidroeléctrica despois dun ano seco, a parada temporal da planta de aluminio e a menor actividade da planta de alúmina en Alcoa San Cibrao, o descenso na produción de ferroaleacións e a caída na utilización nas centrais de coxeración de fuel das madeireiras Finsa e Intasa e da conserveira Jealsa son as causas principais do recorte das emisións industriais durante o pasado ano.
O peche definitivo da central de carbón das Pontes en outubro foi o único progreso destacado na transición enerxética en Galicia durante 2023, dado o cativo aumento da potencia renovábel e a ausencia de plans para a redución progresiva da produción de derivados de petróleo na refinaría da Coruña ou para a substitución das centrais de coxeración fósiles.
Emisións RCDE por sectores (en toneladas de CO2equivalente)
Sectores | 2022 | 2023 | Variación (t) | Variación (%) |
Centrais térmicas | 2.855.366 | 2.223.999 | -631.367 | -22,1% |
Combustión-coxeración | 704.872 | 405.180 | -299.692 | -42,5% |
Refino de petróleo | 995.764 | 918.798 | -76.966 | -7,7% |
Produción de hidróxeno | 195.051 | 186.228 | -8.823 | -4,5% |
Aceiro e ferroaleacións | 277.670 | 167.527 | -110.143 | -39,7% |
Aluminio | 611.390 | 398.036 | -213.354 | -34,9% |
Cemento e magnesita | 180.892 | 128.590 | -52.302 | -28,9% |
Pasta de papel | 47.580 | 77.663 | 30.083 | 63,2% |
Produtos químicos orgánicos | 115.211 | 72.820 | -42.391 | -36,8% |
TOTAL | 5.983.796 | 4.578.841 | -1.404.955 | -23,5% |
As dez maiores industrias emisoras foron responsábeis conxuntamente do 90% das emisións industriais afectadas polo RCDE. Encabezan a lista catro industrias enerxéticas: a refinaría de petróleo da Coruña, a central de ciclo combinado (gas fósil) das Pontes, a central de carbón das Pontes e a central de ciclo combinado (gas fósil) de Sabón (Arteixo).
Dez maiores industrias emisoras en 2023 (emisións en toneladas de CO2equivalente)
Industria | Emisións |
Refinaría de petróleo da Coruña (Repsol) | 918.798 |
Central de gas fósil das Pontes (Endesa) | 893.676 |
Central de carbón das Pontes (Endesa) | 731.376 |
Central de gas fósil de Sabón (Naturgy) | 598.947 |
Planta de alúmina de San Cibrao (Alcoa) | 382.719 |
Planta de produción de hidróxeno de Meicende (Air liquide) | 186.228 |
Fábrica de bioetanol de Teixeiro (Vertex Bioenergy) | 143.422 |
Magnesitas de Rubián | 113.379 |
Industrias del Tablero, S.A. (Intasa) (San Sadurniño) | 79.828 |
Ence Pontevedra | 77.663 |