Os socialistas presentarán un proxecto alternativo “propio dunha oposición leal e construtiva pero fiscalizadora da acción de goberno”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, dixo hoxe que o portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, despregará mañá unha intervención “pegada á realidade do país” e aos problemas e necesidades “reais” dos galegos e das galegas. Méndez anunciou propostas viables fronte á intervención de Rueda “sen proxecto nin estratexia” centrada unicamente en confrontar co Estado.
Lara Méndez adiantou que o portavoz do PSdeG presentarase mañá cunha intervención con propostas para blindar os servizos públicos e incrementar o autogoberno de Galicia. Reclamaralle ao PP “abandonar a confrontación estéril sen resultados positivos para Galicia” para centrarse no “impulso para situar a Galicia onde merece como referente económico e que a xente non teña que marchar do territorio”.
Sinalou que o proxecto alternativo que presentará o portavoz socialista será propio dunha “oposición leal e construtiva pero fiscalizadora da acción de goberno”. Os socialistas, dixo, ofrecen “man tendida” a acordos co goberno galego, pero advertiu que “primeiro temos que saber que é o que queremos acordar”, e advertiu da inconcreción da proposta puntual de Rueda de onte, logo de 15 anos amosando falla total de política industrial.
Méndez lamentou a falla de concreción nas propostas e a escasa ambición de país da primeira intervención de Rueda no debate de Investidura, amosándose como un “presidente sen proxecto nin estratexia”, cunha intervención “inconcreta, sen ambición de país e que só busca a confrontación”.
Advertiu que malia presumir de estabilidade por ter os Orzamentos aprobados, estes “non valen de nada se non se executan nin materializan” por parte dun candidato que logo de 15 anos no goberno galego tivo que remontarse a 30 anos “para falar da transformación de Galicia”.
Facer “un Ayuso”
Méndez criticou que Rueda decidira onte centrar a súa investidura en facer oposición ao goberno central, actuando como “altofalante de Feijoó” e “facendo un Ayuso” en Galicia. De aí que a única proposta clave fora a constitución dunha dirección xeral de Asuntos Constitucionais como “instrumento para seguir facendo oposición ao goberno central”.
Advertiu que o candidato do PP desatende os problemas de Galicia mentres provoca conflitos co Estado por unha banda e cos concellos pola outra, aos que apenas citou demostrando que “predica unha cousa e fai outra distinta” para agochar a súa falla de propostas concretas.
Dixo que o candidato do PP tenta agochar a súa “incapacidade” para aproveitar competencias propias de Galicia, xa que “as que temos non as desenvolven, e as que non temos non as solicitan». Resumiu que “vemos como falamos de autogoberno pero non buscamos solucións”, e puxo como exemplo a xestión da Lei do Litoral coa que “busca confrontar co goberno central” en lugar de buscar as vías para acadar a titularidade.
Méndez criticou a falla de propostas en materia de Igualdade, que quedou relegada a “4 ringleiras do discurso”, ou ás “6 liñas” dedicadas á loita contra a violencia de xénero nunha intervención de hora e media. Afeoulle que obviara a cultura ou que “despacha deporte ou Dependencia cun bono, como fixo antes das eleccións”, e presume das residencias que financia a Fundación Amancio Ortega ou as vivendas a cargo dos fondos europeos mentres a Xunta “chega tarde e mal”.