A Facultade de Informática da UDC será unha das sedes do certame de programación AdaByron 

por Redacción A Coruña

AdaByron é un concurso universitario que mide as habilidades e destrezas de programación dos estudantes universitarios das titulacións de Grao en Enxeñaría Informática

O certame de programación AdaByron Galicia terá lugar mañá, venres día 12 de abril, en horario de tarde e de xeito simultáneo nos tres centros do Sistema Universitario Galego que imparten Graos en Enxeñería Informática (Facultade de Informática da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e Escola Superior de Enxeñaría Informática de UVIGO).

A proba deste venres buscará os mellores equipos universitarios de programación competitiva entre os tres centros do Sistema Universitario Galego que ofertan o Graos en Enxeñaría Informática. Os mellores clasificados representarán a Galicia na X edición do Concurso Nacional, que se celebrará a comezos do mes de xullo na Facultade de Informática da Universidade Complutense de Madrid.

Nesta competición, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e as tres universidades galegas, poderán participar equipos de tres estudantes que cursen calquera dos grados que se imparten nos centros organizadores. Competirán durante catro horas, tentando resolver entre oito e doce problemas, de maior ou menor complexidade.

O CITIC da UDC colabora coa infraestrutura tecnolóxica do certame. A través dun servidor do centro, que a organización poderá monitorizar en todo momento, un xuíz virtual avaliará automaticamente  as solucións aportadas polos participantes. O equipo gañador será aquel que consiga resolver o maior número de problemas. En caso de empate, gañará o equipo que desenvolvese as probar nun menor tempo total. O regulamento de participación polo que se rexe o concurso está baseado nas normas dos concursos rexionais do International Collegiate Programming Contest (ICPC).

O evento conta coa colaboración das empresas tecnolóxicas Apser, AWS, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, PuntoGAL,  GDI, Mindata, Minsailt, NTTData, Oracle, Sixtema e Veritas.

O certame

AdaByron é un concurso universitario que nace na Comunidade de Madrid e que desde o ano 2022 está aberto a outras universidades españolas. Nesta competición mídense as habilidades e destrezas de programación dos estudantes universitarios. A proba é a antesala do certame internacional de programación ICPC (International Collegiate Programming Contest) no que equipos de tres participantes, representando á súa universidade, traballan para resolver “os problemas máis reais, fomentando a colaboración, a creatividade, a innovación e a capacidade de actuar baixo presión”.

O concurso leva o nome de Ada Byron, tamén coñecida como Ada Lovelace, matemática e escritora británica do século XIX, célebre polo seu traballo acerca da computadora mecánica.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario