O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, presentou hoxe 5 grandes acordos de país para poñer en marcha un Plan de Vivenda, blindar a sanidade pública, a creación dun “ecosistema económico”, a defensa do galego e un Gran Acordo Local Galego. Besteiro fixo esta proposta na segunda xornada do debate de Investidura, no que anunciou o voto en contra á candidatura de Rueda, “conformista e acomodado”, que renuncia a acadar pulo político propio e centrado na busca de inimigos externos.
O responsable socialista dixo que “eu creo no meu país, e por iso vou traballar pola Galicia que verdadeiramente pode ser”, logo de explicar os cinco eixos da súa oferta de acordos, que comezan por un Plan de Vivenda coa construción de 2.500 vivendas públicas ao ano, un plan de rehabilitación de vivenda, duplicar o bono alugueiro, declarar zonas de mercado tensionadas e regular a proliferación de vivendas turísticas de acordo cos concellos.
En materia de Sanidade, reclamou un Plan Extraordinario de Contratación de profesionais sanitarios, optimizar o sistema de triaxe e garantir Atención Primaria en 48 horas para toda a poboación. O terceiro gran acordo pasa por crear un “ecosistema económico” con enerxía, empresas e industria con seguridade xurídica e apostando polo despregamento ordenado das renovables.
Reclamou ademais un acordo de país na defensa do galego para “compensar todo o dano que lle fixo o PP á nosa lingua”, ata o punto de que, explicou, “votaran en contra do uso do galego no Parlamento de Galicia, no Congreso dos Deputados, no Senado e que intentaran bloquealo na UE”. Finalmente, ofreceu un Gran Acordo Local Galego que remate cos problemas da infrafinanciación das competencias impropias, incrementando as contías do Fondo de Cooperación Local.
O portavoz socialista afeoulle a Rueda “falla de ambición imprescindible para ser un bo presidente”, e reclamoulle que “poña os intereses de Galicia por riba da política de confrontación de Feijóo e o PP de Madrid”. Esixiulle que empregue a investidura “non para ser delegado de ninguén, senón para exercer como presidente da Xunta, logo da decepción da primeira intervención, o pasado martes, centrada en empregar o debate para atacar ao goberno do Estado”.
Besteiro comprometeu unha oposición “firme, construtiva e responsable”, con “vocación de goberno” para despregar un modelo de goberno alternativo “sen buscar culpables externos nin inimigos inventados”. Subliñou que “entre Galicia e o Partido Socialista, non dubidaremos en elixir sempre os intereses dos galegos e galegas” actuando con “responsabilidade e ambición de país” e estando “á altura do que se precise”.
Grazas, señor presidente.
Bo día a todas e todos os que estamos aquí, tanto neste pleno, como as persoas convidadas que nos acompañan, os medios de comunicación, e tamén aos que seguen esta importante sesión a través da emisión.
BLOQUE 1: EU CREO NO MEU PAÍS
Eu creo no meu país.
Non podería facer política no meu país sen crer nel.
Creo no meu país e confío nas súas xentes, sempre. No que elas dispoñan.
Por iso creo necesario facer explícito un recoñecemento á lexitimidade que terá o presidente que sairá desta sesión de investidura. Vostede, señor Rueda, será un presidente con plenas facultades institucionais. Mais tamén é obvio que a lexitimidade non é unha razón suficiente para convencer ao noso grupo e, como non vemos razóns para votar a favor, adiántolle que o noso voto será negativo.
Tratarei de explicalo durante esta intervención na que, ademais, farei unha diagnose da situación real de Galicia, explicarei cales van ser as nosas prioridades políticas e ofrecereille 5 acordos de país para materializar avances necesarios e paliar déficits fundamentais.
Este voto negativo discute as súas políticas e a previsión das que fará, polo que xa coñecemos e polo que anunciou o pasado martes, pero insisto que non evita ese recoñecemento a vostede como lexítimo presidente.
Se recalco isto é porque no sistema político actual vivimos tempos complexospor culpa, en certa parte (que non en toda), da crispación que se vive dende a propia política. Non sempre resultou tan fácil observar como dende a oposición se lle nega a lexitimidade a un presidente e aos seus gobernos. Hai perigos na nosa democracia aínda moi vivos. Iso si, hai ameazas diante as que non debemos ceder nin un só milímetro e, moito menos, permitir que ditaminen políticas públicas negacionistas ou contra os valores humanos.
Non debemos permitir que a política poida converterse nun espectáculo ou nun mundo onde todo vale para combater aos rivais, e se vulneren todas as liñas. Se deshumanizamos as rivalidades ou se concentramos os esforzos en salvaxes ataques persoais estaremos construíndo un armazón para xustificar calquera cousa na procura do poder. Créanme, sei do que falo cando lles digo que nada xustifica nin valida intentar destruír a vida dunha persoa por un obxectivo político. Non se me ocorre mellor momento que este para defender, en definitiva, unha política vigorosa pero limpa.
Eu comprométome aquí a facelo dende a oposición, e doulle inicialmente o beneficio da dúbida a que tamén se fará dende o seu goberno, e que este Parlamento se erixirá en garante diso. E colaboraremos, tamén, en que a transparencia diante a cidadanía, medios de comunicación e colectivos que constrúen o país sexa unha realidade e non quede en meras palabras baleiras.
BLOQUE 2: CONTEXTO-SITUACIÓN DE GALICIA
Como queira que suceda, o que non fará o Partido Socialista de Galicia será celebrar ser oposición, sexa cal sexa o resultado. A nosa é unha vocación de goberno, e como tal actuaremos: con responsabilidade e ambición de país.
Agora dende unha posición minoritaria neste Parlamento, pero tamén comprendendo que os aquí presentes non vivimos illados de toda a arquitectura institucional a todos os niveis onde hai situacións, por certo, de todo tipo. Aínda que algúns ás veces queren esquecelo…
A nosa vocación será servir desde todos os niveis institucionais a unha Galicia que necesita un pulo que non vemos nas liñas que vostede, señor Rueda, vén de anunciar nin nas difundidas antes do proceso electoral. Galicia non pode ser simplemente unha administrada do mesmo modo que unha asesoría atende aos seus clientes. Iso non é o que Galicia necesita pero, sobre todo, non é o que merece.
Vivimos nun contexto cambiante e incerto, onde Europa está ás portas dunha guerra por unha invasión inxusta e a todas luces ilegal. Confío en que todos e todas o compartamos así neste Parlamento, sede da nosa nacionalidade. Só a firmeza internacional será capaz de freala. Asistimos indignados a situacións dramáticas como as de Gaza, onde Israel está masacrando ao pobo palestino de maneira desprezablemente inxusta, e merece unha condena sen paliativos.
Neste contexto tan complexo, este país pode contar con nós. Pode facelo porque temos a ambición de que Galicia sexa protagonista, porque aspiramos a que medre como debe e merece, sen as ataduras ás que a someten as políticas conservadoras e timoratas.
Se hai 50 anos Galicia podía situarse, en termos económicos e co PIB per cápita, por detrás da Arxentina ou Grecia, o noso crecemento á par da evolución de Europa, e dentro dun sistema político do conxunto de España que tamén nos favoreceu, é un feito indiscutible.
Máis a nosa posición ten que ser moito mellor.
Mentres a economía española medrou un 2,5% no PIB do ano 2023, a galega fíxoo por debaixo do 2, concretamente un 1,8% como indicou o Instituto Galego de Estatística a principios deste ano. Case un 30% peor que o conxunto de España. O mesmo instituto deixa en evidencia que Galicia perdeu máis de 11.000 empresas no ano 2022, cando o conxunto de España (incluíndo estes datos galegos negativos) mantiña un saldo positivo. Galicia crea emprego nun contexto altamente favorable, pero mentres en España medra o volume de empregados (case un 4% no 2023) e chegamos a cifras récord históricas, Galicia ten a segunda taxa de actividade máis baixa do país (53,1%) aínda lonxe da media española (59%).
A economía crece menos, pérdense empresas e o emprego crece menos que no conxunto de España. Galicia vive do impulso do conxunto do Estado, o que evidencia que non existe pulo político propio cando hai ámbitos na innovación, na cultura, no turismo de calidade ou nas renovables, por poñer algúns exemplos, onde temos capital humano e posibilidades para ser referentes.
O seu goberno, señor Rueda, foi conformista e acomodado. Estivo máis preocupado de construír relatos políticos e electorais que de buscar os resortes e as oportunidades para unha Galicia mellor, e todo apunta a que así o seguirá facendo.
Mal comeza unha lexislatura cando é necesario buscar inimigos para autodefinirse.
Estamos convencidos de que a colaboración entre administracións é moitísimo máis produtiva que o enfrontamento. Os concellos, as deputacións, o goberno do Estado ou as institucións europeas non serán para nós unha oportunidade para botarlle as culpas, senón aliados na procura do fin último, que é que sexamos unha sociedade mellor e con máis oportunidades.
Non vén sendo así durante os últimos tempos nos que a liña estratéxica do goberno galego foi vivir da confrontación, xustificando iso nunha suposta defensa da terra. Os socialistas galegos seremos defensores dos intereses de Galicia, pero entendemos que a primeira opción debe ser sempre a cooperación. Cando atopemos solucións conxuntas con outros, non será para nós un problema ou un fracaso, como parece ser para este goberno.
Eu creo no meu país, e por iso non necesito agochalo detrás de guerras inventadas. Buscar inimigos para sentirse mellor é un relato falso, demasiado pobre e moi perigoso, señor Rueda.
Sobran exemplos que non queremos importar: o conflito larvado en Cataluña para enemistar a unha parte da cidadanía coa outra, ou a fangosa e inoperante xestión da política madrileña son dous exemplos de procesos políticos baseados en construír inimigos. Non conten con nós para iso.
Galicia é o obxectivo das nosas políticas, e temos claro que será a nosa prioridade por enriba de vinculacións partidarias. Pero as campañas electorais doutros… que as fagan outros, señor Rueda.
Vostede falou da existencia dunha política de trincheira, que dixo rexeitar. Pola contra a súa acción política foi precisamente esa: usar Galicia como parapeto para atacar a outros.
Este martes tardou vostede menos en falar do goberno do Estado, para atacalo, que en falar da Educación, a Igualdade, o reto demográfico, a Economía de Galicia, as dificultades das familias, os problemas do sector primario, ou a necesidade de mellorar a atención aos maiores.
Quen está na trincheira, señor Rueda…?
Dixo vostede textualmente “nestes tempos algúns confunden a acción de goberno coa política electoral”.
Botando a vista atrás, vostede anunciou que a alta velocidade nunca chegaría a Galicia, que estariamos fóra do corredor europeo de mercadorías, tamén do hidroducto, que o Goberno do Estado nun presentaría recurso na defensa da pesca artesanal, que a Galicia lle escamoteaban vacinas contra a COVID (esta é das cousas máis graves que eu lle escoitei ao seu goberno), que os PERTEs eran todos unha mentira, que teriamos problemas económicos porque España ía a unha profunda crise económica…
Voulle dar a razón: algúns confunden a acción de goberno coa política electoral.
Desde que vostede forma parte do goberno da Xunta, hai 15 anos, o autogoberno non gañou nin unha soa competencia. Permaneceu estancado, o que di moito da falta de iniciativa e ambición dos gobernos aos que pertenceu ininterrompidamente.
Nin cos gobernos do PSOE nin cos do PP en Madrid, a Xunta de Galicia foi quen de avanzar en autogoberno, como si fixeron outras Comunidades Autónomas. Logo teremos que concluír que a responsabilidade recae en quen gobernou Galicia durante este longo tempo. Agora ten unha nova oportunidade de poñer fin a esta parálise. Non a bote por terra unha vez máis.
Cónstame que a vontade do Goberno de España é facer realidade canto antes a convocatoria dunha reunión da Comisión Mixta de Transferencias, que é onde deben materializarse os acordos e dar solución aos desacordos. Poña o mellor da súa parte para comezar a lexislatura cun sinal de entendemento e cooperación entre dous gobernos.
Invítoo, señor Rueda, a que aproveite esta investidura para romper amarras con quen pretenda facer partícipe a Galicia dunha hostilidade que é allea á idiosincrasia do noso pobo, e sería absolutamente inconvinte para os intereses deste país.
BLOQUE 3: A REALIDADE
Vaiamos á realidade galega do día a día para identificar os nosos retos. Hoxe hai unha Galicia crecente que ten ansias dunha mellor calidade de vida.
Se pensamos nesas persoas poderiamos imaxinar, sen moita dificultade, a unha parella duns 30 anos e cunha nena pequena, que quere construír a súa propia vida. Que lles sucede…?
VIVENDA
Pois probablemente estiveron vivindo a cabalo entre os pisos dos pais e nalgunha vivenda compartida con amizades. Porque en Galicia alugar unha vivenda nalgunha das zonas urbanas supón máis da metade do salario da xente nova. Teñen que vivir nesas zonas urbanas porque, aínda que a súa orixe está en poboacións máis pequenas, constrúen a súa vida en torno aos polos de xeración de emprego. E hoxe, para os mozos vivir no rural é toda unha aventura.
Nesas cidades non teñen fácil a vivenda, polo que para vivir xuntos deben irse ás periferias. Non poden ir máis lonxe para evitar moito gasto co coche, xa que no transporte público por estrada nin pensan. Non coñecen a ninguén que o empregue. Tampouco poden vivir na cidade porque os centros urbáns sofren de especulación coas vivendas turísticas que vostedes non queren regular, e que están dinamitando o mercado, especialmente o do acceso á xente moza e ás familias con menos recursos.
Tampouco atopan vivenda pública. En Galicia hai 18.000 inscritos no rexistro público de demandantes de vivenda, pero apenas foron 5.000 as vivendas públicas construídas durante os 15 anos do Partido Popular que contrastan coas 10.000 que impulsou Touriño. E o PP argumenta que non se constrúen máis por culpa dos okupas. Tremendo.
O volume do bono aluguer, ademais, é insuficiente. E aquí ofrézolle o primeiro dos acordos de país para implantar medidas xa ao inicio da lexislatura: un PLAN DE VIVENDA. Con que premisas?
- Construción de 2.500 vivendas públicas ao ano.
- Un plan efectivo de rehabilitación de vivenda baleira.
- Duplicar o bono aluguer.
- Declarar con celeridade como zonas de mercado residencial tensionado aquelas que se soliciten por parte dos concellos en cumprimento da Lei de Vivenda.
- Regular dende a Xunta de Galicia, en colaboración cos concellos, a proliferación de vivendas turísticas.
SANIDADE
Esta parella tipo á que me refería, ten nais e pais que, pola idade, visitan máis o centro de saúde. Están todos fartos: as nais, os pais, el, ela… e todo o mundo, porque agora hai que agardar 7, 10 ou 12 días para ter unha cita no centro de saúde. Probablemente a isto axude que durante estes últimos 15 anos se deixaran moitas prazas de médicos e médicas de familia sen convocar en Galicia para formar novos profesionais.
Hoxe Galicia ten habilitado polo Estado o maior volume de prazas para formar novos sanitarios que tivo nunca na súa historia. Ten todas as que solicita, e se non ten máis é porque non pide máis.
Tamén axuda a este descontrol que as condicións laborais sexan tan caóticas.
Calquera galego sabe hoxe o que tarda en ter unha cita cun especialista médico. Meses e meses sen saber nada. Escoitan ao Goberno da Xunta escusarse e botarlle a culpa a outros, pero basta falar cunha enfermeira para saber tamén como elas van encadeando contratos, de días e ás veces de horas, para ir cada vez a un servizo distinto que moitas veces nin coñecen, estando pendentes do teléfono para atender cando sexa que ao SERGAS lle pareza ben chamar.
Deberiamos cambiar o nome de “Médico de Familia”, porque as familias xa non coñecen ao seu médico nin o médico recoñece ás súas familias.
Os doentes teñen outras dificultades, sobre todo os maiores, agora atendidos primeiro por un programa informático, co que se senten moi inseguros. Aquí, señor Rueda, deberiamos establecer outro acordo. A esas nais e pais, que son os que habitualmente van ao centro de saúde, debería atendelos un profesional sanitario.
Isto agora non pasa, porque vostedes puxeron un sistema informático a atender ás persoas, e fan que o manexe persoal de servizos que está en atención ao público, que tamén se queixa disto.
Eu propóñolle, señor Rueda, un PLAN EXTRAORDINARIO DE CONTRATACIÓN DE PROFESIONAIS SANITARIOS e un sistema de triaxe e clasificación de doentes por parte dos sanitarios que optimice o funcionamento e que consiga que toda persoa teña en Atención Primaria un profesional sanitario axeitado en 48 horas. Propóñolle un acordo de país para que blindemos a sanidade pública e que comecemos hoxe mesmo.
CONCILIACIÓN/GARDERÍAS
Volvo á parella. Ten una nena pequena. Querería ter 2 fillos, pero só poden permitirse un. Vostede é consciente do grave problema que supón isto…? Porque os salarios non lle chegan á xente moza e a conciliación é moi complicada.
Na Galicia real, cando os avós e avoas non están preto é moi difícil cadrar horarios. Atopar unha praza nunha gardería pública é coma os billetes de 500 euros, hai quen di que existen pero ninguén os viu.
O ano pasado xa se viron escenas de nais e pais facendo noite na rúa para conseguir prazas nalgúns puntos de Galicia. A nosa parella fixo unha vez noite para conseguir entradas para un concerto, pero nunca pensou ter que facelo para unha gardería.
EMPREGO, PULO INDUSTRIAL E ENERXÍA
Analicemos cal foi a súa xestión do emprego. No ano 2023 deixou sen executar 1 de cada 3 euros orzamentados. Facendo a suma só dos últimos 7 anos, deixaron vostedes sen executar máis de 1.000 millóns de euros.
Vostede dixo que Galicia é a comunidade na que medraron os salarios tres puntos por riba da media nacional. O que obvia é a causa… que non é, nin máis nin menos, que a suba do salario mínimo interprofesional: un aumento do 54% dende o ano 2018. Galicia benefíciase máis que o resto das Comunidades Autónomas porque é onde os traballadores e traballadores teñen os salarios máis baixos.
En materia de Industria, señor Rueda, propóñolle algo que quizais lle sorprenda despois de máis de 40 anos de autogoberno. Dedíquese a por en marcha o artigo 30 do Estatuto de Autonomía, que coloca as competencias exclusivas en Industria na Xunta.
Galicia podería ter moito máis traballo e afrontar o despoboamento se tivese infraestruturas axeitadas e un potente pulo industrial, pero non se ve nada no horizonte a pesar de ter todos os elementos necesarios:
- Un sector primario variado.
- A inmensa capacidade estratéxica de producir a enerxía presente e de futuro.
- Universidades punteiras e Centros tecnolóxicos que potencian a formación.
- Posición xeográfica privilexiada. Temos unha posición periférica en España, pero central dende unha vertente EuroAtlántica.
- E a dotación progresiva de infraestruturas.
Polo tanto é necesario crear un ECOSISTEMA ECONÓMICO, conformado por enerxía, empresas, industria e con seguridade xurídica. Este é o noso terceiro gran acordo de país.
- ENERXÍA
Galicia ten unha grande riqueza de recursos enerxéticos renovables autóctonos. Pero debemos poñer os medios, atraer o investimento e, sobre todo, contar coa cidadanía, as comunidades locais e os sectores xa implantados para que o aproveitamento destes recursos respecte escrupulosamente o medio ambiente, a biodiversidade, encontre sinerxías coas actividades xa implantadas e repercuta nun beneficio para as galegas e galegos.
Vostedes non teñen un modelo claro para o desenvolvemento enerxético de Galicia. Cando chegaron en 2009 mandaron parar a eólica. O PP é o principal responsable de que Galicia non teña unha boa planificación do seu potencial enerxético e esa falta de modelo trasládase a toda a economía industrial de Galicia.
Fronte a isto, eu propóñolle que apostemos pola ambición das renovables, por un despregamento ordenado e planificado, que teña en conta aos axentes sociais e aos axentes do territorio. Elaborar un mapeado e zonificación das explotacións enerxéticas que permita un desenvolvemento harmonioso dos proxectos renovables. Igualmente, en liña coa nova Directiva de Enerxías Renovables, proceder a unha simplificación normativa e burocrática.
- INDUSTRIALIZACIÓN
Na industrialización non sobran empresas, pero debemos de fortalecer ás nosas PEMES para que medren. A gran empresa é, por definición, máis robusta. O tamaño empresarial é unha das principais variables relacionadas coa competitividade exterior e coa calidade do emprego que se oferta. Faciliten o tránsito das pequenas empresas á condición de medianas, superando a barreira dos 50 traballadores, porque producirá efectos positivos. Hoxe as axudas públicas deberían ter como obxectivo incrementar a súa dimensión, e apoiar ás persoas autónomas e emprendedoras.
Outro dato importante: o desaproveitamento sistemático que fan vostedes de Europa.
É groseira a nula capacidade de xestionar os fondos europeos. O propio Consello de Contas advirte que a execución orzamentaria dos Fondos Europeos está por debaixo do 50%. En Galicia a día de hoxe, déixanse sen executar 5,5 de cada 10 euros que se orzamentan dos Fondos Europeos.
- SEGURIDADE XURÍDICA.
Estamos a vivir estes últimos anos en Galicia numerosas incertezas derivadas dunha excesiva carga burocrática. A Xunta é un obstáculo á innovación, e á creación de empresas. Debe ser clarificado o marco xurídico para que, sen renunciar á seguridade xurídica que as empresas necesitan, teñan a certeza necesaria.
SECTORES PRIMARIOS
As nosas rías están baixo mínimos, a pesca de baixura cada vez máis limitada e a pesca de altura con problemas moi serios froito dos conflitos internacionais. A única proposta que nos fan é a baixada do IVE, cando o verdadeiro problema é a caída drástica do consumo de peixe nun 30% nos últimos 10 anos.
Aproveiten cada céntimo dos fondos europeos para modernizar o sector pesqueiro, invistan en educación para concienciar sobre o consumo do peixe, incentiven a compra pública dos produtos do mar nos pregos de contratación dos centros dependentes da Xunta, rexeneren as rías galegas para contrarrestar a baixada de produtividade, regulen o baleirado dos encoros como demandan as nosas mariscadoras que, por certo, cada vez son menos.
No rural, señor Rueda, fala agora da Lei de Recuperación de Terras. Empece por conseguir a mobilidade das 40.000 hectáreas de concentración parcelaria que actualmente están sen actividade. Terá un impacto positivo inmediato no sector.
Tamén prometeu 80 millóns de euros para profesionalizar explotacións. Engada que son fondos da Unión Europea nun 75% desa PAC que tanto denostan.
E non esqueza no ámbito forestal que a mala xestión dos montes veciñais réstalle un punto ao PIB de Galicia nos últimos 20 anos. Aí teñen outro reto para traballar no que contarán co noso apoio. A mellor prevención contra os lumes é un rural vivo, activo e en produción. A gandería e a agricultura controlan a biomasa e son o mellor corta lumes. Parar a sangría do peche de explotacións e o abandono do rural é a mellor prevención para o monte galego.
POLÍTICA SOCIAL/RESIDENCIAS
A parella que poño como exemplo dificilmente vai de vacacións, porque gasta cartos en moitos servizos nos que necesita axuda. Pronto é posible que os pais teñan maiores necesidades, e saben que hai moi poucas prazas nos centros de día. Se tivesen que pensar nunha residencia nalgún momento, xa non lles saen as contas. Ven que a Xunta presume de residencias pero abren poucas novas e, as que hai, son caras. Pensar en pagalas coas pensións que lles van quedar ás súas nais e pais, é difícil.
Anímoo, señor Rueda, a que siga o modelo da rede de residencias públicas da Deputación de Lugo. Negáronse a escoitarnos, moito máis a poñer un euro, e iso que vostedes teñen a competencia. Fixémolas en solitario. Hoxe esta rede pública está considerada exemplar en Europa e, o que máis me enche de satisfacción, fai posible ter unha vellez digna, cun custe xusto para as familias e sen que os nosos maiores teñan que marchar lonxe da súa vila.
E que ten que dicir de que 1 de cada 4 galegos viva en risco de pobreza e exclusión…?
Ou do tempo de espera para unha valoración da Dependencia?
Moito teñen que cambiar as cousas na política social.
MEDIOAMBIENTE
Como persoas do século XXI que somos, preocúpanos o coidado do medioambiente. Esta preocupación a vostedes débelles soar raro porque entenden o medioambiente como unha moda.
Moitos galegos están preocupados porque levan dous anos escoitando que hai unha gran industria que vai ser boísima, que se vai instalar en Galicia para facer fibra téxtil, que ía crear 2.500 empregos… e resulta que agora non paran de ler que pode ter sido todo unha gran farsa para instalar unha gran celulosa. Nin 2.500 empregos, nin 2.000, nin 500…
Os galegos confían en que a lexislación sexa estrita e teña o máximo control sobre o que se poda implantar ou o que non. Pero este control vai ter que facelo o Goberno de España ou Europa porque agora os galegos non dan atopado ningunha explicación da Xunta que tanto presumía desta fábrica.
Empeza a darlles a sensación de que aquí houbo cousas raras e queren explicacións, tal e como esiximos desde o Partido Socialista. Porque Altri ía ser o gran proxecto verde do PP e, de momento, o único que sabemos é que o PP está moi verde.
Ou o señor Rueda non sabe o que se vai facer, que xa sería grave, ou non quere recoñecelo publicamente e dar a cara sobre as consecuencias e impacto real en materia de emprego, medioambiente, e de utilización de fondos públicos. Neste último extremo tamén terá que explicar se vai aportar fondos públicos.
Anímoo a dar a cara. Empece ben a súa presidencia.
EDUCACIÓN E CULTURA
Despois de eliminar a gratuidade dos libros de texto e facer do curso escolar o máis caro da historia, ten certa sorna escoitalo prometer a gratuidade das matrículas universitarias. Benvido. Hai anos que os socialistas xa empezamos a aplicalo. Non tivo nada que dicir vostede do envellecemento dos docentes e das condicións das investigadoras das universidades galegas.
Seguindo coa radiografía da Galicia real, a parella da que lles falaba ten interese pola vida cultural.
Aproveitan os actos culturais que organiza o concello onde viven, e ás veces a deputación (segundo a que sexa). Da Xunta pouco saben, porque escoitan falar moito pero a verdade é que, máis alá dun festival ao ano, a parella ve que todo o aproveitable chega da administración local. Sabe que existe o Xacobeo pero, máis que porque o vexan concretarse nalgunhas políticas culturais ambiciosas, sábeno porque os do PP andan todo o día con camisolas e cazadoras de boa calidade co logo do Xacobeo.
LINGUA
Os galegos falamos combinadamente galego e castelán, sentímonos orgullosos por ter unha lingua propia á que queremos e á que defendemos. Por iso non entendemos que o presidente do goberno galego e o seu partido votaran en contra do uso do galego varias veces: no Parlamento de Galicia, no Congreso dos Deputados, no Senado e que intentaran bloquealo na Unión Europea.
Agardo que nesta lexislatura compense todo o dano que lle fixo á nosa lingua. E, para axudalo, ofrézolle un cuarto Acordo do País pola defensa do galego.
DEREITOS CIVÍS
Sentimos nestes tempos unha enorme preocupación por ver como dende algunha política se menospreza a loita feminista, e como a dereita e a ultradereita negan a violencia machista ou atacan os dereitos dos colectivos LGTBI.
Non somos quen de entender o intento de varrer a memoria histórica no país, e preguntámonos como pode ser que os partidos negacionistas teñan cargos de goberno en tantos lugares.
TVG
A esa parella tipo á que veño referindo, interésalles a política, pero como apenas teñen tempo para moitas cousas non se dan informado todo o que quixeran. Apenas uns minutos o a última hora do día, entre tarefa e tarefa, e nalgún momento puntual polo móbil. Se algunha vez poñen a TVG, só ven a Rueda. Facendo deporte ou bailando reguetón, ou o que sexa. E nalgún informativo vese a Rueda máis que aos presentadores.
Sorpréndelles que sexa máis fácil saber o que pasa no Congreso dos Deputados que no Parlamento de Galicia.
Señor Rueda, o exercicio que acabamos de facer representa a realidade de miles de galegos e galegas. Esa parella poderiamos ser calquera de nós ou calquera dos nosos familiares…
Repítolle que o Partido Socialista ten vocación de goberno e ambición de país. Non podemos nin queremos conformarnos, e moito menos resignarnos, coa realidade á que vostedes nos abocan.
BLOQUE 4: PARA QUE QUERE SER PRESIDENTE?
Señor Rueda, vostede preséntase como candidato a Presidente pero eu pregúntolle:
Que vontade transformadora existe detrás desa maquinaria electoral que o sustenta?
Cara onde camiña Galicia?
Cal será a nosa estrutura económica no ano 2030 ou 2040?
Vostede confórmase con ir tirando, sr Rueda…?
Para que quere ser presidente?
Galicia merece un Presidente e un goberno con ambición de construír país.
Cando un partido coma o seu leva 15 anos gobernando, as competencias exércense e amplíanse se hai verdadeira ambición de país.
Conformarse cando España lidera a creación de emprego en Europa, acadando marcas históricas mentres nós quedamos atrás…, non é futuro.
A protección do medioambiente e a transformación industrial sostible é unha tarefa complexa, pero posible.
A garantía dos servizos públicos nunha terra que precisará que se amplíen pero que necesita financialos correctamente, é un debate que non podemos postergar.
A posición de Galicia no conxunto de España e a nosa estratexia diante dunha revisión do modelo de financiamento, debe ser unha prioridade.
A relación cos concellos, aos que este goberno deixa aos pés dos cabalos sen a financiación suficiente, é un problema que recae ao final na cidadanía, que ve recortado o SAF ou as melloras nos centros educativos, entre outros moitos.
Fronte ao incremento dos fondos do financiamento estatal, a Xunta dende que goberna o PP ten conxelada a partida de financiamento aos concellos. Ano tras ano os galegos deben saber que deixa sen executar case a metade desa financiación.
Por todo, en nome do Partido Socialista ofrézolle a todos os grupos parlamentarios chegar a un quinto acordo: o Gran Acordo Local Galego, que remate cos problemas da infrafinanciación e competencias impropias.
Señor Rueda: para que quere ser vostede presidente?
Como non damos obtido resposta a esta pregunta, resulta moi difícil sequera avaliar as visións cativas, apoucadas e conformistas que vostede ten de Galicia. Por iso votaremos en contra da súa investidura.
Porque vostede ten os votos necesarios para ser un lexítimo presidente, pero non atopamos a ambición de país que é imprescindible para ser un bo presidente.
PECHE
O Partido Socialista dedicará esta lexislatura a facer unha oposición firme, construtiva e responsable. A razón é doada: temos vocación de goberno e iso demostrase cando gobernas pero aínda con máis altura de miras cando non o fas.
Temos experiencia acreditada na xestión pública e contraporemos outro modelo de goberno diferente ao seu, un que represente a todos e todas as galegas, sen buscar culpables externos nin inimigos inventados.
Señor Rueda, se a súa presidencia vai ser ambiciosa situando á Galicia como o primeiro, atoparanos nesa dirección. Se soamente será un instrumento de poder ao servizo duns poucos, para manter redes clientelares, atoparanos de fronte neste hemiciclo e alí onde faga falta.
Pola nosa banda estaremos no traballo, ofrecendo a nosa man para intentar construír un país mellor. Estaremos encantados de coincidir se atopamos nesta lexislatura puntos en común que sexan positivos. E teremos toda a vontade de ofrecer as alternativas e os acordos que cremos que se precisan sobre os problemas e sobre os retos, como hoxe xa poden comprobar.
Non teña dúbida de que discreparemos co Goberno do Estado cando creamos que esa crítica está xustificada. Entre Galicia e o Partido Socialista, non dubidaremos en elixir Galicia, e os intereses dos galegos e galegas. Ten vostede o meu compromiso.
Pídolle o mesmo. Que entre os intereses do PP de Madrid e Galicia, entre o apoio á política de confrontación de Feijóo ou os intereses de Galicia, opte por Galicia. Ata agora non foi así.
Pídolle que faga da súa investidura unha oportunidade, non para ser delegado de ninguén senón para exercer como Presidente da Xunta, que é para o que o elixiron.
Hai moitos galegos e galegas que están aquí representados por forzas políticas distintas, e tamén moita cidadanía que non colleu ningunha papeleta electoral pero á que lle debemos o noso traballo.
Isto é o que nos corresponde, e o Partido Socialista sempre actuará con responsabilidade e ambición de país. Galicia precisa que teñamos altura de miras, e o Partido Socialista sempre estará á altura do que se precise.
Hai desafíos, pero hai recursos e un pobo valente e sabio para afrontalos. Non importa canto de grandes sexan eses retos, lembren que por moi difíciles que parezan algúns escenarios, o imprescindible é confiar en nós mesmos.
Eu creo no meu país, e por iso vou traballar pola Galicia que verdadeiramente pode ser.







