BNG consegue que o Congreso aprobe a intervención pública de Alcoa

por Redacción Galicia

Insta o Goberno a que para garantir a continuidade da actividade e o mantemento dos postos de traballo a SEPI adquira Alcoa e busque un operador fiábel que presente un proxecto solvente e de futuro para San Cibrao

O BNG consegue aprobar unha iniciativa na Comisión de Industria e Turismo do Congreso instando o Goberno do Estado a realizar as actuacións necesarias que permitan garantir a continuidade da actividade industrial en Alcoa San Cibrao, así como asegurar o mantemento dos postos de traballo. Co único voto en contra do PSOE, Néstor Rego destaca, entre os puntos aprobados, o apoio a unha intervención pública, a través da SEPI, para evitar que se repita o resultado desastroso de Alcoa A Coruña e se busque un operador fiábel que presente un proxecto industrial solvente e de futuro.

Hai tres anos, lembrou o deputado do BNG no Congreso, “saquei esta camisola no Plano do Congreso para reivindicar a intervención pública en Alcoa mais non pensabamos na altura que, tres anos despois, teríamos que traer de novo esta camisola”. Desde finais de marzo, Alcoa volveu ameazar con fechar a planta e aínda que afirmou esta en disposición de vendela, para o BNG a única garantía de que non se repita o desastre de Alcoa A Coruña e Avilés é a intervención pública a través da SEPI. Alcoa xa anunciou que os fondos se acabarán en xuño e que non está disposta a continuar a actividade.

“Xa temos experiencias previas: Alcoa vendeu a planta da Coruña e a de Avilés e acabaron por desaparecer. O BNG non quere que aconteza o mesmo coa da Mariña porque sería un desastre para a comarca, para Galiza e tamén para o Estado español porque é a única planta de aluminio primario do estado” subliñou Néstor Rego durante a defensa da iniciativa.

Alén do máis, Rego destacou a necesidade dun proceso de intervención pública amparándose na recente hemeroteca e as actuacións levadas a cabo polo executivo. “O Goberno español entrou no accionariado de Celsa Atlántic e acaba de entrar no accionariado de Telefónica, tamén se pode facer no caso de Alcoa”. Lembrou que ningunha norma nin español nin  europea o impide e que mesmo recentemente o goberno italiano nacionalizou a planta que ArcelorMittal ten nese País.

A iniciativa, obxecto dunha proposta transaccional, obtivo o apoio maioritario da cámara baixa e Rego destacou o punto aprobado para que se for preciso -e o BNG ten claro que o é- a SEPI adquira a planta, activando a intervención pública, e “busque un operador fiábel que presente un proxecto industrial solvente e de futuro co obxectivo de garantir a continuidade da actividade e o mantemento de todos os postos de traballo”.

Para alén deste punto, a organización nacionalista logra instar o Goberno a modificar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo e crear a figura das empresas electro-intensivas. “Garantir a máxima compensación por CO2 permitida por Europa, Artellar unha interrumpibilidade que aproveite a capacidade destas industrias para funcionar como colchón nos picos de consumo de enerxía ou que se reduzan as portaxes na factura eléctrica” enumera Rego.

Do mesmo xeito, o Congreso acorda instar o Goberno a que exixa a Alcoa o cumprimento estrito de todos os compromisos e investimentos previstos no acordo asinado cos traballadores e traballadoras.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario