A Agrupación Deportiva Matela foi fundada en 1987, sendo un dos equipos máis antigos do
concello, e ten na actualidade como campo de xogo o Campo de Fútbol Municipal de San
Lourenzo de Aguiar, sendo o único equipo de fútbol federado do Concello de Outeiro que
xoga os seus partidos como local nunha parroquia rural.
Dende a Agrupación Deportiva Matela vímonos obrigados a denunciar o abandono e o
desleixo que o noso campo de xogo, de propiedade municipal, leva padecendo por parte do
Concello de Outeiro de Rei dende hai moitos anos, así como as precarias condicións nas
que temos de desenvolvernos para poder adestrar a diario ou xogar os nosos partidos como
locais.
Tanto os accesos ao campo, como o propio campo de xogo ou os vestiarios de árbitro e
xogadores non cumpren para nada os mínimos parámetros de dignidade para a práctica
deportiva, chegando incluso a ter elementos que non cumpren a lexislación vixente neste
momento (a situación detállase polo miúdo no escrito ao concello e nas fotos que se
achegan).
Esta situación resulta insoportable para xogadores, tanto locais como visitantes, así como
para os afeccionados, transmitindo ademais unha imaxe vergoñenta do Concello cara as
persoas que nos visitan.
O Alcalde é perfectamente coñecedor desta situación dende hai anos, non facendo
absolutamente nada para evitala, máis ben ao contrario, pois nin sequera se lles permite aos
xogadores do Matela adestrar no outro campo de fútbol municipal, que si están nunha
situación moito mellor e no que si se lles permite adestrar a equipos de fóra do concello.
Ante esta situación, vímonos obrigados a presentar un escrito ao Concello de Outeiro e aos
Grupos Municipais presentes na corporación (escrito que se achega con esta nota)
explicando esta problemática e pedindo axuda urxente.
Neste escrito solicítase o seguinte:
Que se admita esta solicitude no Concello de Outeiro de Rei e, en consecuencia, se leven a cabo as accións necesarias para que o campo de fútbol de San Lourenzo de Aguiar sexa utilizábel en circunstancias dignas.
Queremos que se arranxen, dunha vez, os accesos ao campo, como se arranxan os do resto dos veciños e calquera instalación municipal; e se faga o mantemento preciso para que a situación non se repita cada ano.
Queremos que se dispoñan todas as reparacións procedentes para que o campo cumpra condicións mínimas de legalidade (valado, substitución da uralita, reparacións eléctricas … )
Que se así o consideran os concelleiros de todos os partidos, se despracen ao campo de San Lourenzo de Aguiar a comprobar que é certo todo o que dixemos neste escrito.
Fotografía. RFGF