Tamén se iniciaron as accións oportunas para sancionar á empresa responsable, incautarlle a fianza e requirirlle a reparación
O Concello da Laracha informou do peche temporal de varias pistas forestais da parroquia de Montemaior como medida de seguridade ao estar actualmente intransitables debido aos estragos causados pola empresa madeirista que está a realizar unha tala.
As vías afectadas, que serven de acceso a parcelas agrícolas, localízanse próximas aos núcleos de A Fieira, A Casanova, Balvís, O Penedo e As Nocellas. En total a lonxitude dos camiños cortados á circulación supera os tres quilómetros lineais.
A Policía Local redactou o correspondente informe de danos. O Concello xa está realizando as accións oportunas para, primeiro, sinalizar sobre o terreo para advertir aos vehículos do peche dos camiños forestais. Ao mesmo tempo, abriuse un expediente sancionar á empresa, á que se lle incautará a fianza ou aval depositados e se lle requirirá para que proceda a reparar os danos ocasionados.
Ante os reiterados problemas que se están a rexistrar no termo municipal causados polas empresas dedicadas á xestión forestal, e co obxectivo de minimizar os danos, o goberno local iniciou os trámites para modificar a ordenanza reguladora da actividade de corta, depósito, carga e transporte da madeira de tala.
Desde o Concello laméntanse as molestias que esta situación está a causar á veciñanza, principalmente aos propietarios das fincas emprazadas xunto ás vías afectadas.