O evento reunirá aos rexedores das entidades locais da provincia para analizar e poñer en común posibles ameazas e retos aos que se enfrontan os gobernos locais fronte aos ciberataques
A Deputación da Coruña organiza o vindeiro luns, 15 de abril, no Palacio de Exposicións e Congresos (PALEXCO) unha xornada sobre ciberseguridade na administración local, que reunirá aos alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia para poder analizar e poñer en común as ameazas e os retos aos que se enfrontan os gobernos á hora de garantir a seguridade da información da cidadanís e a continuidade na prestación dos servizos públicos ante un caso de ciberataque.
A xornada será inaugurada polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado provincial de Avance Dixital José Ramón Rioboo, o director de AMTEGA, Julián Cerviño, e o conselleiro do Consello de Contas, Simón Rego.
Tamén estarán presentes entidades como a Xunta de Galicia ou a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que explicarán as medidas adoptadas a nivel autonómico e a necesidade de colaboración con iniciativas como as do nodo Ciber.gal. Achegará a súa visión tamén o Consello de Contas de Galicia, que este mesma semana publicou un informe no que sitúa á Deputación coruñesa como a única das catro galegas que alcanza os obxectivos de seguridade establecidos, e que exporá as iniciativas que está a levar a cabo no ámbito da seguridade e da información e a protección de datos de carácter persoal.
A primeira das actividades será unha presentación dos informes de fiscalización dos controis básicos de ciberseguridade das deputacións provinciais galegas, a cargo de Domingo Guerra, responsable da auditoría do Consello de Contas de Galicia.
A continuación, a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, relatarán as experiencias nos seus concellos ante as recentes situacións de cibercrise.
Finalmente, para pechar a xornada, terá lugar un coloquio para reflexionar e poñer sobre a mesa diferentes opinións sobre o tema.