Comezan as votacións populares para escoller a Mellor Poesía do Ano 2023 na Galiza e en Portugal

por Redacción Galicia

O xurado de aRi[t]mar vén de preseleccionar as poesías galegas e portuguesas que loitarán por ser recoñecidas como as mellores do pasado 2023

Son 10 poesías de cada país as que optan a ser elixidas polo público como Mellor Poesía do Ano na Galiza e Mellor Poesía do Ano en Portugal. Ditas votacións comezarán este venres, 12 de abril, ás 11.00 horas segundo o fuso horario galego, e poderanse acometer a través da páxina web aritmar.gal. O proceso permanecerá aberto ata o día 13 de maio.

Tanto nesta, a súa vertente poética, coma na musical, son as persoas seguidoras de aRi[t]mar as que deciden cal son as mellores obras do ano. Calquera usuario da web pode acceder a aritmar.gal e, alí, ler as 20 pezas galegas e portuguesas pre-seleccionadas polo xurado e decidir cal cren que son as merecedoras do premio a Mellor Poesía do Ano na Galiza e Mellor Poesía do Ano en Portugal.

As pezas finalistas para o premio a Mellor Poesía do 2023 na Galiza, son: Toco a túa vida na miña boca, de Ángel Suanzes; Sopras un dente de león cos labios moi xuntos, de Carlos Negro e Raquel Senra; (ESTA CASA DURMIDA), de Carlos Penela; entra o sol cheirar a casa, de Celso Fernández Sanmartín; Declara a dor, de Chus Pato; CRÓNICA, de Helena de Carlos; Pilara da Fraga, de Lupe Gómez; a viaxe é por dentro, de O Leo; CANTO SEGUNDO PARA UN FILLO NON NADO, de Silvia Penas; e NÓMADAS, de Xaquín Núñez e Ana Cea.

Por outra banda, as pezas finalistas para o premio a Mellor Poesía do 2023 en Portugal,
son:
 O MAR, de Ana Marques Gastão; muda de lugar…, de César Pires; XIX, de Graça Magalhães; Habito a planície, de Helga Moreira; A arte do roubo às escuras, de Joana M. Lopes; XXXV – DESOLADA A CIDADE POPULOSA, de Jorge Vaz de Carvalho; NATUREZA, de Kay Pina; OS CONQUISTADORES: UM SONHO, de Paulo Tavares; XXIII, de Rita Tormenta; e Há mulheres que trazem…, de Sílvia Mota Lopes.

aRi[t]mar: Un proxecto que divulga a música e poesía galega e portuguesa

aRi[t]mar é un proxecto didáctico cultural desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela pertencente á Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario