A alcaldesa puxo en valor o plan de recuperación do patio, “unha iniciativa que contou coa participación e suxestións da comunidade educativa, familias, a veciñanza do barrio e tamén de exalumnas do colexio”
O Concello da Coruña licitou as obras para remodelar o patio do CEIP Ramón de la Sagra, no barrio de Elviña, unha das principais intervencións de mellora que ten previsto acometer o Goberno de Inés Rey ao longo deste ano nos centros educativos da cidade.
O plan de recuperación do patio partiu da colaboración establecida entre o Concello, a comunidade educativa e o arquitecto Fermín Blanco, creador do Sistema Lupo, que formula unha mellora e reconversión dos recintos e infraestruturas escolares baixo un enfoque pedagóxico e sostible. Por exemplo, para aproveitar ao máximo os espazos ao aire libre, ofrecerlles máis actividades ás crianzas e naturalizar a contorna.
«A recuperación do patio do CEIP Ramón de la Sagra foi froito dun proceso participativo que implicou a familias, veciñanza do barrio e tamén a exalumnas e exalumnos do colexio, que tamén proporcionaron as súas achegas para darlle unha nova vida a este espazo. Isto amosa que, traballando xuntas e xuntos, podemos mellorar a vida da cidadanía», incidiu hoxe Inés Rey. Neste sentido, o Goberno municipal ten previsto levar a cabo un investimento de case 200.000 euros no plan de mellora do patio, que incluirá unha notable ampliación das áreas verdes existentes, recuperando así superficies infrautilizadas na actualidade.
Máis arboredo, un souto de castiñeiros e un novo peche lúdico
O proxecto de remodelación do patio do CEIP Ramón de la Sagra baséase, fundamentalmente, na súa renaturalización. A ampliación das áreas verdes levará aparellado o incremento do número de exemplares de arboredo, con novos bidueiros, freixos, faias e loureiros, entre outras especies.
Por outra banda, no extremo sur do patio retirarase a soleira de formigón e crearase, posteriormente, unha nova zona verde que estará conectada coa xa existente. Unha das actuacións máis destacadas será a consolidación dun novo souto de castiñeiros, preto do cal se habilitarán unhas cabanas de xogo.
No terraplén sueste darase forma, ademais, a un novo percorrido adaptado conectado ao xa existente e tamén ás escaleiras de acceso á rolda Camilo José Cela. A zona central do patio reservarase para a práctica deportiva, e tamén se actuará na área de xogos infantís, onde se restaurará o castelo multixogo xa existente e incorporaranse novos equipamentos.
Ademais, actuarase no peche do centro educativo no bordo paralelo ao corredor peonil, para facelo máis permeable e amable coa paisaxe urbana da contorna. Está previsto instalar un peche de táboas de madeira, que irá acompañado de elementos de xogo no sector interior para que funcione como un equipamento lúdico máis do patio.
Máis dun millón de euros en investimentos nos centros educativos
Os orzamentos aprobados polo Concello para este ano 2024 inclúen diversas partidas para novos investimentos nos centros educativos da Coruña. O Goberno de Inés Rey ten previsto acometer actuacións por valor de máis dun millón de euros en obras de mellora, reforma e acondicionamento nas instalacións das Escolas Infantís Municipais, colexios e centros de educación especial, entre outros.
Esta cifra inclúe, precisamente, a partida coa que se sufragarán as obras de remodelación do patio do CEIP Ramón de la Sagra.
A isto súmanse, ademais, os fondos específicos xa consignados para a renovación da EIM de Monte Alto, no contexto das obras de rehabilitación do mercado municipal. A intervención permitirá proxectar a instalación da escola infantil nunha soa planta, completándose cun patio exterior, lindeiro á praza do nivel superior do mercado.